A creatividade gastronómica deuse cita na Final de Cociña de Talento Xove 2026

Mercatea reuniu aos participantes, familias e público cos chef Iñaki Bretal e Pepe Vieira

Ponteareas | Mercatea converteuse no epicentro do talento, a creatividade e a gastronomía coa celebración da Final de Cociña de Talento Xove 2026, unha cita que reuniu a participantes, familias e público nunha das xornadas máis especiais de todo o programa. A final contou coa participación de once mozos e mozas repartidos entre as categorías infantil e xuvenil, que demostraron o seu talento culinario, a súa capacidade creativa e a súa paixón pola gastronomía ante un xurado que tivo a oportunidade de coñecer de preto tanto as súas elaboracións como o proceso de creación dos pratos presentados.

A tarde estivo marcada tamén pola presenza de dous convidados de excepción, os recoñecidos chefs Iñaki Bretal (que conta cunha Estrella Michelín e 2 Soles Repsol) e Pepe Vieira (con dúas Estrellas Michelín, unha Estrella Verde e tres Soles Repsol), que destacaron pola súa cercanía, implicación e carácter didáctico durante toda a xornada. Ambos compartiron experiencias, responderon ás preguntas dos participantes e ofreceron consellos e recomendacións que converteron a final nunha auténtica oportunidade de aprendizaxe.

A implicación de ambos chefs foi máis alá da súa presenza como convidados especiais xa que ofrecerán aos gañadores da categoría xuvenil a oportunidade de realizar unhas prácticas nos seus respectivos restaurantes, unha experiencia única que lles permitirá coñecer de preto o funcionamento de dous establecementos de referencia da gastronomía galega e continuar desenvolvendo a súa formación culinaria da man de profesionais de prestixio.

Tras a deliberación do xurado, os premios de cociña recaeron, no caso da categoría infantil, en Jose Carlos (1º premio), Luis (2º premio) e Jimena (3º premio), mentres que na categoría xuvenil foron Vanesa (1º premio), Sara (2º premio) e Noelia (3º premio) Durante a xornada realizouse tamén a entrega dos premios doutras modalidades de Talento Xove 2026. En Artes Plásticas, na categoría infantil, os premios foron para Nuria, Martín e Alejandra, mentres que na categoría xuvenil as gañadoras foron Iria, Julia e Noa. En Arte Urbana, Jimena, Tomé e Xiana acadaron os tres primeiros postos na categoría infantil, e Uxía, Lois e Daniela fixérono na xuvenil. Na modalidade de Fotografía, os premios recaeron en Iker, Aldara e Aloia; en Deseño de Xoias, en Dylan, Noa e Lola; e en Moda, Jimena e Galia foron recoñecidas na categoría infantil, mentres que Ainhoa, Hugo e Evelin resultaron premiados na xuvenil.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi precisamente a modalidade de Deseño de Xoias, xa que os deseños creados polos participantes convertéronse en auténticas pezas de xoiería grazas á colaboración da Xoiería Gallego e da Escola do Atlántico, permitindo que as ideas da mocidade cobrasen vida e se transformasen en xoias reais.

Ademais, a categoría especial “Aínda tes talento”, destinada a persoas maiores de 55 anos, recoñeceu o traballo de María Isabel en fotografía e de María de la Fe en artes plásticas. En moda, os galardóns foron para Josefa, María Begoña e Marisa, mentres que en manualidades os premios recaeron en Pascasio, Luz, Ana e Carmen, poñendo de manifesto que a creatividade e o talento non entenden de idades.

O concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, destacou que “esta final volveu demostrar o enorme talento que existe entre a mocidade de Ponteareas. Talento Xove non é só un concurso, é unha oportunidade para descubrir capacidades, gañar confianza e compartir inquietudes con outros mozos e mozas que teñen paixón por diferentes disciplinas”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu especialmente a implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta gran final. “Quero trasladar o meu agradecemento aos chefs Iñaki Bretal e Pepe Vieira pola súa xenerosidade, proximidade e compromiso coa mocidade participante. Tamén a Elena Pérez pola colaboración no vestiario dos finalistas, e aos membros do xurado, Catavento Gastronómico, A Triga e A Preciosa, pola súa profesionalidade e dedicación durante toda a xornada. Grazas a todos eles, esta final converteuse nunha experiencia única de aprendizaxe, convivencia e crecemento para os nosos mozos e mozas. Talento Xove segue demostrando que cando unimos esforzos somos quen de crear oportunidades reais para que o talento de Ponteareas brille con luz propia”.

A entrega destes premios non supón o peche definitivo de Talento Xove 2026, xa que aínda quedan por coñecerse os gañadores e gañadoras das modalidades literarias de novela e poesía. Os seus galardóns entregaranse durante a Feira do Libro de Ponteareas, que se celebrará o vindeiro mes de xullo, nunha nova oportunidade para seguir poñendo en valor o talento creativo da mocidade do municipio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.