A creativa ourensá María Álvarez, Premio Olimpia Valencia

Olimpia foi a primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado

Ourense | A creativa ourensá María Álvarez foi distinguida co II Premio Olimpia Valencia, galardón instituído pola Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico para aquelas persoas ou entidades que destaquen na defensa da igualdade e dos seus dereitos.

Unha distinción que pretende subliñar “o papel das mulleres como transmisoras de valores como a constancia, o esforzo e as ganas de superación fronte a unha sociedade onde as oportunidades entre homes e mulleres aínda non son as mesmas”, destacou a deputada de Igualdade, Luz Doporto, durante a comunicación telefónica que mantivo coa premiada para darlle conta do fallo do xurado.

“Non teño palabras para expresar a alegría e o agradecemento que supón para min este premio”, dixo María Álvarez, sinalando que para ela é un xeito de recoñecer “unha educación e un modo de entender a vida baseado no esforzo constante e non esquecer nunca os valores que desde moi pequena inculcáronme os meus pais”.

A acta do xurado destaca os vinte anos de traxectoria profesional de María Álvarez traballando para importantes axencias no mundo da creatividade, os medios e as estratexias de comunicación, así como pola súa inquietude pola constante formación”.

O xurado desta primeira edición estivo presidido pola deputada de Igualdade, Luz Doporto, exercendo como secretaria a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, Ascensión Sampayo, e como vogais a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa; a presidenta da Federación de Comercio, Beatriz Gómez; a vicerreitora do campus de Ourense, Elena Rivo; a directora do Museo Municipal de Ourense, Eva Torres; e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro.

Creativa para grandes marcas
María Álvarez Gómez (Ourense, 1974) naceu e estudou no barrio da Ponte ata marchar a Madrid para cursar Ciencias da Información, na rama de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade Complutense. Pronto viuse atraída pola creatividade e os medios, encamiñando a súa carreira cara estes ámbitos e traballando e importantes axencias onde elaborou estratexias de comunicación para grandes marcas nacionais e internacionais.

Desde 2019, María Álvarez María é managing director de The&Partnership, unha das axencias líder no sector a nivel mundial. En constante formación a través de diferentes escolas de negocio, tamén profundou na Universidade de Harvard a revolución que está a provocar na sociedade actual a transformación dixital. Cómpre destacar tamén a súa participación como xurado na categoría de medios no Festival internacional de Creatividade de Cannes deste ano.

Con este galardón, cuxa creación foi aprobada no pleno celebrado en febreiro de 2021, a Deputación de Ourense recoñece a figura de Olimpia Valencia (Baltar, 1898), que se converteu na primeira muller licenciada en Medicina en Galicia no século pasado, profesión que exerceu en Vigo ata o seu pasamento en 1987.