A Coruña, finalista dos Premios Europeos de Servizos Sociais

Pola súa labor durante a pandemia
A Área de Servizos Sociais do Concello da Coruña foi seleccionada como finalista aos Premios Europeos de Servizos Sociais (European Social Services Awards – ESSA).

A Coruña | A Área de Servizos Sociais do Concello da Coruña foi seleccionada como finalista aos Premios Europeos de Servizos Sociais (European Social Services Awards – ESSA) pola súa xestión da continuidade da atención social durante a fase máis aguda da pandemia da COVID-19 e pola aprendizaxe extraída nese período.  A concellería que dirixe Yoya Neira opta ao premio á Mellor Práctica Colaborativa (Collaborative Practice).

Os ESSA concédeos anualmente a Rede Europea de Servizos Sociais (European Social Network – ESN), unha rede de titularidade pública financiada pola Comisión Europea que está integrada por máis de 150 autoridades públicas a nivel local, rexional e nacional, representando a máis dun millón de profesionais técnicos/as de servizos sociais de toda Europa.

Estes premios pretenden recoñecer a innovación e a excelencia neste eido, destacando novos enfoques de éxito e o traballo continuado realizado pola Administración.

A candidatura da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña pasou á final tras ser escollida por un grupo de persoas expertas. Cada ano os premios ESSA enfócanse cara a unha temática concreta.

En 2021 foi o ‘Fomento da resiliencia nos servizos sociais’, valorando como responderon as administracións á crise da COVID-19 para garantir a continuidade e a calidade da súa atención ás poboacións vulnerables.

Polo tanto, prémiase o esforzo dos servizos sociais no desenvolvemento de prácticas e programas que respondan ás necesidades inmediatas, pero tamén ás futuras froito de novas e imprevisibles crises.

O Concello da Coruña participa co proxecto ‘Desafío de Resiliencia dos Servizos Sociais’, baseado no esforzo conxunto para cubrir as múltiples necesidades de atención social xurdidas durante a pandemia.

“Esta candidatura finalista non é só obra da Área de Servizos Sociais do concello, senón tamén do resto de axentes e entidades que colaboraron con nós cun verdadeiro espírito de comunidade. Falo dos organismos públicos, privados e do terceiro sector que prestaron a súa axuda nunha situación crítica”, explica a concelleira Yoya Neira.

O obxectivo deste proxecto é manter e reforzar a coordinación con todos os axentes públicos, privados e do terceiro sector que colaboraron nos recursos postos en marcha para a atención de situacións de emerxencia social durante a fase más complexa da pandemia.

É a primeira vez que un proxecto municipal galego opta a este recoñecemento.

“O Goberno local de Inés Rey, a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación, asumiu o reto de capitalizar todas as leccións aprendidas durante a xestión da pandemia para actualizar a organización e prestación de servizos sociais coa finalidade de mellorar a atención en situación de emerxencia social”, sinala Yoya Neira.

Moitas das solucións e procesos de xestión aplicados durante a pandemia mantéñense como alternativas de atención na “nova normalidade” actual.

Xa está aberto o proceso de votación pública para elixir os gañadores dos premios ESSA. Para poder participar só é necesario rexistrarse previamente nesta ligazón.

Tras ese proceso, a persoa usuaria deberá votar por unha proposta das cinco categorías e confirmar o seu voto.

A puntuación final é mixta e baséase tanto na valoración dos xuíces ou xuízas expertos/as como nos resultados da votación en liña.

Ademais das cinco categorías, hai unha sexta que concede o premio ESN á excelencia en servizos sociais e vótase, en vivo, durante a cerimonia de entrega de premios, onde se elixe entre todas as candidaturas finalistas.