A Coruña abre ao público a exposición “María Casares, actriz océano”

No Quiosco Alfonso

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a comisaria María Lopo presentaron a apartura ao público da exposición “María Casares, actriz océano”, que se exhibirá no Quiosco Alfonso.

Esta exposición articularase en eixos temáticos segundo un ordenamento cronolóxico e espacial, que presentarán a vida e a obra de María Casares, dende o seu nacemento na Coruña ata o seu falecemento en Alloue (Francia). Eminentemente divulgativa, esta exposición achegará así mesmo materiais de arquivos institucionais e persoais ata o de agora nunca expostos en Galicia.

Unha grande exposición no Quiosco Alfonso cunha aplicación en paneis transportables polas bibliotecas e/ou centros cívicos.

María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada é un proxecto expositivo que presenta a vida e a obra da actriz galega exiliada María Casares dende o seu nacemento en 1922 na Coruña ata o seu falecemento en 1996 na súa casa de La Vergne en Alloue (Francia).

Concibida como un achegamento integral á súa figura, a exposición, eminentemente divulgativa, achega así mesmo materiais de arquivos persoais e institucionais ata o de agora nunca amosados en Galicia.

O seu obxectivo é dobre: dunha banda, homenaxear unha das creadoras europeas imprescindibles do século XX e, doutra banda, contribuír a descubrir e a recuperar a través da súa personalidade excepcional a memoria do noso exilio republicano.