A Concellería de Benestar Social da Coruña realiza obras de mellora na sede de Utaca

Coa instalación dunha rampla garantirase a accesibilidade a un edificio en que se arranxarán os estragos da fachada e que se pintará para acoller mellor as persoas con problemas de alcolismo

A Coruña | Benestar Social realiza estes días traballos de mellora na sede da asociación Utaca-Asociación Ex-Alcohólicos da Coruña, situada en Laxes de Orro. Por unha parte, o local contará cunha rampla na entrada para garantir a accesibilidade de todas as persoas usuarias dentro dunha actuación en que tamén se arranxará a fachada do edificio, que estaba moi deteriorada. Despois de reparar os estragos e de lles quitar o óxido ás fiestras, pintarase.

Destínase á obra un orzamento de 15.106,85 euros. O inmoble é propiedade municipal, pero
está cedido ao colectivo que traballa no barrio de Elviña con persoas con problemas de alcolismo.

Esta mellora prodúcese despois de que a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, contactase coa asociación ao longo destes meses, nunha comunicación que seguirá sendo fluída, asegura a edila, para tratar de lle dar resposta as súas demandas.