A colonia galega en Santo Domingo é de tres mil persoas, trescentas de Ourense

O presidente do Centro Galego da República Dominicana visitou Ourense

Ourense | O presidente do Centro Galego da República Dominicana, Antonio Sánchez, acompañado por Jesús Suárez Conde, visitaron ao presidente da Deputación Luís Menor. No encontro valorouse o papel da colectividade galega no exterior como ponte de relación económica e cultural.

O presidente do Centro explicou a situación da colonia española no país, con especial atención á galega, que conta con arredor de 3.000 persoas, das que aproximadamente un 10 % (uns 300) teñen orixe ourensá. Segundo trasladou, trátase na súa maioría de empresarios e profesionais, o que reforza o potencial desta comunidade como motor de relacións económicas.

O encontro serviu tamén para coñecer o labor do Centro Galego, centrado na preservación da cultura, da lingua e das tradicións galegas, así como na proxección da imaxe de Galicia no exterior. Neste sentido, ambas partes coincidiron en destacar a importancia de manter viva a identidade galega fóra do territorio.

Ademais do ámbito cultural, o presidente provincial subliñou o interese en explorar novas vías de colaboración empresarial, tendo en conta o contexto actual da República Dominicana, un país que ofrece oportunidades de desenvolvemento, estabilidade e seguridade xurídica para investimentos.

Neste marco, Luís Menor trasladou a disposición da Deputación para colaborar co Centro Galego e facilitar contactos que permitan ás empresas ourensás analizar posibles implantacións ou alianzas no país caribeño, abrindo así novas oportunidades de negocio.

O encontro enmárcase na estratexia da institución provincial de reforzar os vínculos coa Galicia exterior, entendida como un aliado clave para a proxección internacional da provincia, segundo explicou o presidente provincial.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.