
Ponteareas | O concello de Ponteareas viviu hoxe a inauguración oficial da nova Oficina de Turismo Municipal e a Casiña do Corpus, ubicadas na rúa dos Ferreiros. Dividido en dúas plantas, o novo enclave servirá como punto de información ao visitante e tamén como museo permanente do Corpus. Un proxecto estratéxico que recupera o patrimonio arquitectónico local e consolida a Praza Vella como o epicentro cultural, identitario e turístico da vila durante todo o ano.
A nova dotación é o resultado dunha ambiciosa intervención arquitectónica sobre unha vivenda en estado de ruína situada na rúa Ferreiros, en pleno conxunto histórico. Adxudicada por un importe de 441.529 euros, e financiada con fondos da Deputación de Pontevedra, a obra permitiu rescatar unha edificación con fachada de pedra granítica totalmente integrada no tecido tradicional do casco antigo. Esta actuación enmárcase nas políticas municipais de dinamización da área de Rehabilitación Integral (ARI), que combate o abandono e fomenta a vida nos barrios históricos.
O acto institucional contou coas intervencións do tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e da alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. O acto tamén contou coa presenza da directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández, así como os membros do equipo de goberno, así como representante das rúas alfombristas e da propia Asociación de Alfombristas amais de representantes do edio cultural e un importante grupo de veciños e veciñas.
O encargado de abrir o acto foi o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, quen agradeceu a presenza das autoridades presentes no acto, poñendo de manifesto que este novo emplazamento supón “unha débeda cumprida co Corpus, cos alfombristas e tamén nesa pretensión da rehabilitación da zona”. Por outra banda, sinalou que “esta casiña será a Casiña do Corpus pero tamén a casiña de todos, un referente dunha festa que nos sitúa no mapa do mundo”
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, foi o seguinte en intervir, quen indicou que en poucos meses fíxose realidade “un espazo idílico que tamén forma parte desa Galicia Calidade, porque o Corpus e a casiña forman parte desa Galicia Calidade, especialmente porque vai a albergar a eses veciños que fan alfombras.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis López, apuntou que o novo espazo é “unha necesidade e un paso moi importante porque lle vai a dar un impulso a un referente como o Corpus Christi”, ao tempo que puxo de manifesto que este proxecto “contribúe a consolidar á provincia como un destino turístico internacional, descentralizado e desestacionalizado e ligado á cultura e ao territorio”.
A alcaldesa, Nava Castro, foi a encargada de pechar o acto, manifestando o agradecemento ao apoio das institucións e recalcando que “cumprimos coa palabra dada e cun compromiso claro de posta en valor, transformando o que eran ruínas nun motivo de orgullo. Hoxe “a rúa dos Ferreiros e o conxunto histórico da Praza Vella locen con máis forza e con máis orgullo ca nunca, recuperando o esplendor que xamais deberon perder”, engadiu Nava.
A alcaldesa tamén quixo facer fincapé en que a Oficina de Turismo e a Casiña do Corpus “son de todos. É o froito do esforzo de todos. Disfrutémola con orgullo, ensinémoslla ao mundo con orgullo, coidémola como o tesouro que é e sigamos construíndo, xuntos, a Ponteareas que merecemos: unha vila que respecta o seu pasado para conquistar o seu futuro”.
Dúas áreas chave
O inmoble divídese en dúas áreas crave para potenciar o atractivo do municipio, cunha planta baixa que alberga a nova e innovadora Oficina de Turismo municipal para a atención e recepción de visitantes, sendo un referente informativo non só para Ponteareas senón para os concellos da contorna. Nesta planta tamén conta co seu hoco o artista Alfonso Pexegueiro, puidendo adquirirse material de merchadising do Corpus. Nesta ocasión tamén albergou unha exposición de Isaura Aguiar, emigrada en México pero de familia ponteareá, quen expuxo bonitos traballos relacionados con Corpus ou con elementos de interese da historia da vila.
O semisótano será o Portal do Corpus, un espazo que operará como museo visitable adicado a divulgar a principal celebración festiva do municipio, declarada de Interese Turístico Internacional. Nese espazo os visitantes poderán coñecer os pormenores dos proceso de elaboración das alfombras, e incluso desfrutar, a través de realidade virtual, dun paseo 360 pola celebración do Corpus deste ano. Durante a propia festa, este espazo funcionará como área operativa de apoio para a elaboración das famosas alfombras florais da localidade.




