A Cañiza, O Covelo, Mondariz, Mondariz-Balneario e Melón terán o servizo de atención temperá

A partir deste 1º de agosto para nenas e nenos de 0 a 6 anos

A Cañiza | Esta mañá os 5 Alcaldes, nunha xornada de traballo celebrada no Concello da Cañiza, anunciaron a posta en marcha deste servizo o vindeiro luns, 1 de agosto.

A partires desta data, o programa desenvolverase na sede de Mondariz ( con enderezo no 1º andar  do Centro Social)  que dará cobertura a Mondariz e Mondariz Balneario, os luns e martes ( en xornada completa de mañá e tarde).

Na sede de Covelo, que será no Centro de Saúde de Maceira, o mércores en xornada de mañá e tarde e na sede da Cañiza, que dará cobertura á Cañiza e Melón, os xoves e venres tamén en xornada completa de mañá e tarde. A sede da Cañiza ten o enderezo no 1º andar do Edificio Multiusos da rúa Progreso 21.

A Atención Temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias e ao seu contorno, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A finalidade:  facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

A clave da atención temperá está en que canto máis axiña se detecten as posibles dificultades, mellores resultados se poden obter da atención profesional. Por iso as familias deben estar ben informadas sobre o proceso evolutivo normal dos seus fillos para detectar as dificultades con prontitude.

Dende o servizo de atención temperá ofrécese unha intervención biopsicosocial capaz de favorecer a adquisición e a recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais para mellorar a autonomía, a convivencia social e familiar e a inclusión social.