A Cañiza forneou un dos “bocata de xamón” máis grandes

De tódalas edicións da Festa do Xamón celebradas neste Concello

A Cañiza | Na tarde noite de onte, conseguimos fornear unha barra de pan rústica de 19,5m. de lonxitude e loncheamos un xamón nun só lisco de 23m. que foi a parar ao bocata xigante, que repartimos en torno ás 21h entre todo o público.

Unha actividade organizada polo Concello da Cañiza no marco das celebracións da 57 Feira do Xamón deste 15 de agosto.

Segundo comunicou esta mañá o Alcalde Luis Piña “ onte conseguimos fabricar unha soa peza de pan de 19,5m de lonxitude, ademáis de cortar a coitelo un só xamón nun lisco enteiro de 23 metros”.

Nunha exitosa xornada na que ademáis estreamos un novo forno de pan. Unha orixinal estrutura única, de 6 metros de longo polo que transita o pan.

Os 19,5 m. de bocadillo tiveron un tránsito total de 3 horas permanecendo a peza dentro dos 6 metros do forno, unha media de entre 35´ e 40´ minutos.

O resultado foi un saboroso bocata de pan rústico enriquecido co noso xamón.

Ademáis forneamos unha rosca doce xigante que repartimos gratuitamente entre todos os asistentes.

Tamén a partires das 6 da tarde os máis pequenos comezaron a desfrutar do obradoiro de pan na que nenas e nenos, ataviados cos seus mandís e gorras de cociñeiro, agasallos do Concello, puideron fabrican pan, baixo a supervisión dos maiores, dando forma ás pezas máis orixinais.

O Alcalde agradeceu e felicitou aos profesionais, empresarios e traballadores do Concello polo grande traballo desenvolvido neste domingo, que fixeron posible que esta xornada fora un novo éxito para A Cañiza. Grazas a todos polo voso compromiso e grande dedicación.

Grazas tamén a todos os cañicenses e visitantes que, un ano máis, elexiron A Cañiza como destino para desfrutar dunha tarde noite de domingo. Hoxe continuamos coa programación da 57 Feira do Xamón coa celebración do curso de corte de xamón e cata de viños que comezará ás 19h na Rúa Oriente. A actividade é gratuíta pero ten aforo limitado e é necesario inscribirse.