A Cañiza decidirá o ascenso á División de Honra do balonmán feminino

Do 8 ao 10 de maio coa participación do Balonmán Cañiza e equipos de Valencia, Ermua e Sevilla

A Cañiza | O alcalde Luis Piña, acompañado pola 2ª tenente de alcalde, Paula Bacelar; o 3º tenente de alcalde, Miguel Antón; e a concelleira do goberno, Eva Rivas, xunto co presidente do Balonmán Caniza, Marcos Estévez; a vicepresidenta, Mercedes Lorenzo; o adestrador do equipo sénior feminino, Ismael Lago; a delegada, Tamara Fraga; e a capitá, Ana Rodríguez, xunto coa xogadora Lucía Afonso, presentaron no Parque Heriberto Fuertes a fase de ascenso á División de Honra Ouro Feminina de balonmán, que se celebrará na localidade os días 8, 9 e 10 de maio.

O equipo sénior feminino do Balonmán Caniza afronta esta cita como anfitrión, coa oportunidade de competir polo ascenso diante da súa afección nun momento decisivo da tempada. A celebración desta fase reunirá equipos, corpos técnicos e afeccións, situando A Caniza como epicentro do balonmán feminino estatal durante esa fin de semana.

Organizada polo Balonmán Caniza en colaboración coa Real Federación Española de Balonmán, a fase disputarase no pavillón municipal “Carballo do Marco” e contará coa participación de catro equipos procedentes de distintos puntos do territorio nacional, todos eles clasificados tras competir na División de Honra Prata feminina. O grupo estará formado polo BM Marni Rosval (Valencia), o Lauko Ermuko Errotabarri (Ermua), o Helvetia Montequinto (Sevilla) e o Balonmán Caniza.

A competición desenvolverase en formato de liga a unha soa volta, con tres xornadas consecutivas nas que cada equipo disputará tres encontros. O conxunto que remate na primeira posición logrará o ascenso directo. Durante a presentación, o alcalde destacou a relevancia desta cita deportiva, subliñando que se trata de “un evento que sitúa A Caniza no mapa do deporte nacional e que reforza a proxección do municipio máis alá da nosa contorna”.

Neste sentido, incidiu tamén na importancia do traballo conxunto entre institucións e entidades deportivas, sinalando que esta fase conta coa colaboración de distintas administracións, nun exemplo de cooperación que permite traer a Caniza unha cita deportiva desta categoría.

A este respecto, puxo en valor a implicación do Concello na organización do evento, que contribúe a consolidar o tecido deportivo local e a capacidade do municipio para acoller competicións de ámbito estatal.

Así mesmo, o alcalde quixo trasladar a súa felicitación ao equipo sénior feminino pola excelente tempada realizada, facendo extensivo este recoñecemento á directiva do club, corpo técnico, xogadoras e afección.
Do mesmo xeito, desexou ao equipo toda a sorte nesta fase de ascenso, confiando en que o traballo, o esforzo e a ilusión demostrados ao longo da tempada teñan a súa recompensa.

Finalmente, animou a veciños, veciñas e visitantes a achegarse durante esa fin de semana ao pavillón municipal para gozar desta cita deportiva, convidando ademais a aproveitar a ocasión para descubrir outros atractivos do municipio, como a recoñecida gastronomía da Caniza e a súa riqueza paisaxística.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.