A Camelia volve a ser protagonista en Salceda

Este 16 e 17 de marzo coas XV Xornadas da Camelia

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda, a través da Concellaría de Turismo que dirixe Marcos Troncoso, presentou onte as XV Xornadas da Camelia, que se celebrarán os vindeiros 16 e 17 de marzo e nas que participarán arredor de 60 expositores/as chegadas de toda a xeografía galega e de Portugal, que amosarán máis de 500 variedades desta flor de orixe oriental, ao longo de máis de 130 metros de exposición.

Outras entidades como o CEP Altamira ou AFAGA estarán presentes tamén nas xornadas con traballos realizados por parte do alumnado no caso do CEP e das persoas usuarias no caso de AFAGA.

Para Marcos Troncoso, concelleiro de Turismo: “Un evento que traerá a centos de persoas durante a vindeira fin de semana e que servirá de reclamo turístico máis alá das nosas fronteiras, pois é unha mostra que ven adquirindo carácter internacional coa participación de expositores/as de Portugal. Salceda forma parte da Ruta da Camelia con xardíns tan espectaculares como os do Pazo de Pegullal”.

Para levar a cabo as xornadas, o Concello conta coa colaboración da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas, así como a Asociación de Mulleres Rurais, que se encargan da organización da mostra.

Como ven sendo costume, a propia Estación Fitopatolóxica do Areeiro contará co seu propio espazo na mostra. Esta entidade realiza unha labor fundamental no estudio e difusión das diferentes posibilidades que ofrece esta flor, polo que resulta moi importante a súa participación nas xornadas de Salceda. O Concello de Salceda segue deste xeito apostando por unha exposición que se ten convertido xa na máis grande de Galicia, servindo de referente para moitas outras mostras.

Loli Castiñeira, Alcaldesa: “Unhas xornadas da camelia que xa son un evento consolidado no noso Concello, reunindo incluso a tres xeracións dunha mesma familia na nosa exposición. Convidamos a todo o mundo a que coñezan a que xa podemos denominar `flor de Galicia´, un auténtico espectáculo de color e variedade”.