A aula CeMIT de Ponteareas ofrece seis novos cursos de balde en outubro

Co foco en promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías
Entre os cursos que se ofrecen destacan a iniciación na E-administración, LibreOffice, uso do CANVA e deseño gráfico en Software Libre.

Ponteareas | A aula CeMIT de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nos seis novos cursos presenciais que oferta de balde para este mes de outubro.
Serán media ducia de propostas a través da que a veciñanza poderá aprender a realizar os trámites necesarios coa E-administración, iniciarse no LibreOffice, crear publicacións na nube con CANVA ou aprender sobre deseño gráfico en Software Libre.

Ademais para persoas adultas a aula CeMIT porá en marcha dous cursos centrados en mellorar o manexo de móbiles Android, un para sacarlle partido á cámara do móbil e outra para aprender a usalo e configuralo.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. O número de prazas estará restrinxido debido á situación sanitaria.

Por outra banda, durante todo este mes de outubro a Aula CeMIT estará aberta ao público polas tardes. Este venres 1 de outubro o horario será de 16.00 a 20.00 horas, mentres que a partir da vindeira semana será luns e xoves de 18.00 a 18.30 horas e todos os mércores de 16.00 a 18.00 horas.

Dende a Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez anímase a toda a veciñanza a acudir a usar a aula e a participar nestas actividades que buscan “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador ou cun dispositivo móbil, prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”.

Para máis información as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.

Outros artigos