A arte de non morrer.

O ensaio escrito polo médico Roberto Fernández Álvarez, “Arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega” recibíu Premio Ramón Piñeiro, moi merecidamente porque é un estudo denso con abondosos datos e atinadas interpretacións científicas.

O seu autor afonda nas razóns da porcentaxe tan alta de persoas centenarias que hai en Galicia, e as moitas posibles explicacións que xustifiquen tal suceso. O noso país está entre os primeiros pobos de Europa nos que hai máis persoas idosas que se aproximan ou pasan dos cen anos de vida, mesmo con boa calidade de vida e espléndida saúde mental. Roberto Fernández recolle información de distintas fontes e analiza os datos do Instituto Galego de Estatística, pero tamén doutras enquisas que confirman a veracidade da información. Unha atenta lectura das esquelas publicadas polos medios de comunicación galegos tamén son outra fonte de información porque dan conta do número de persoas que falecen con 102 e 103 anos, a meirande parte habitantes das zonas rurais, de aí que Ourense e Lugo teñan as taxas máis altas de centenarios. Un informe titulado “A poboación centenaria de Galicia” ofrece unha cífra de 398 idoso, dos cales o 22% eran homes e o 78% mulleres. O resultado é unha proporción de 14,8 centenarios por cen mil habitantes.

Apunta no estudo o doutor Roberto Fernández datos moi ilustrativos da xeografía da alta lonxevidade. Velaí están, en orde ascendente: O Ribeiro (106), A Baixa Limia (108), O Carballiño (111), A Fonsagrada (111), Chantada (118), Allariz-Maceda (127), Os Ancares (142), A Paradanta (149), Terra de Celanova (159), Viana (202), e Castro Caldelas (325).

“Apunta no estudo o doutor Roberto Fernández datos moi ilustrativos da xeografía da alta lonxevidade”

As causas destas longas vidas son de variado tipo. Poden ter oríxe xenética, pero tamén que hai que considerar outras hipotéticas variables connotadas coa dieta, paisaxe, o lecer, a sociabilidade e a actividade nos labores agrícolas, que ten, sen ningunha dúbida, boas consecuencias para a saúde mental e física. Conta o caso dunha muller que despois de sufrir un ictus isquémico non pode camiñar; cando o xenro a leva na cadeira de rodas a ver as terras, di ela: “Están preciosas…quen me dera poder sachalas”. Un exemplo evidente da “laborexia”, ou síndrome da hiperprodutividade, di Roberto, que opera coma unha vantaxe para a supervivencia que caracteriza de forma moi específica á poboación galega. O refraneiro popular ofrece solucións inxeniosas para paliar as incidencias da saúde. Son, ao cabo, coñecementos empíricos expresados maxistralmente cunhas cantas palabras ben enfiadas.

O que a min me entusiasma do ensaio que estamos a comentar é a incorporación de Roberto Fernández á nómina dunha solvente tradición médica que ten o punto de arranque na Escola Médica Galega, cerna da medicina antropolóxica, que quedou como dí García Sabell “amputada, rabuñada tercamente polo Destino”. Comeza co catedrático Varela de Montes ( autor do “Ensaio de Antropoloxía”, publicado en 1844) e felizmente continuada cos afamados galenos e catedráticos Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso, Ramón Baltar, Pérez Villamil, Peña Rei, Xoán Rof Carballo, López Nogueira, Domingo García Sabell… e moitos outros que coa súa solvencia científica recibiron o merecido nome da “Fonte Limpa”, todos eles moi estudados polo historiador Ricardo Gurriarán na súa obra “Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Profesionais asiduos aos congresos científicos europeos que ofrecíanlles aos pacientes diagnósticos e curacións certeiras.

Para min, que teño un número considerable de obras de antropoloxía médica,o ensaio que comentamos vén arrequecer o que García Sabell e Rof Carballo teñen denominada como “medicina que cura coa colaboración dos elementos patrimoniais propios da cultura galega”. O doente galego responde ás enfermidades con eses signos peculiares da nosa idiosincrasia.

E certo que coa incorporación das novas tecnoloxíoas a medicina amósase máis precisa na diagnose e con moitos éxitos terapéuticos. Mais esta novidosa e xa imprescindible maneira de curar non debera dar lugar á despersonalización das relacións cos pacientes, que debe ser sempre moi próxima e atendidos galegamente, porque a palabra contribúe positivamente á curación. Esta é a filosofía da Irmandade da Sanidade Galega que coordina Roberto Fernández o autor deste valioso ensaio cuxa lectura recomendamos.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.