A antropóloga Paula Godinho ingresa na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto.

O pasado ano a Asociación de Amigos do Couto Mixto acordou fundar a Academia das Ciencias Sociais daquel singular territorio que preside o historiador don Luís M. García Mañá e dirixe o profesor da Universidade de Vigo don Xosé Manuel Cid Fernández. Esta nova entidade vén completar e compartir o labor realizado desde hai máis de vinte anos pola Asociación de Amigos do Couto. A súa función será aglutinar a personalidades relevantes de aquén e alén da raia en todas as disciplinas da investigación.

Pretende a Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto ser unha entidade plural e creativa integrada por cualificadas personalidades para un mellor coñecemento desa xeografía común que noutrora denominarase “Gallaecia”, dinamizada hoxe polos gobernos galego e portugués para constituiren nela a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coa cobertura e directrices da Unión Europea.

Na creación e consolidación dese espazo territorial, amais dos acordos institucionais para artellar modelos de desenvolvemento, cómpre que se impliquen cadros relevantes na investigación e deseños estratéxicos. O Couto Mixto, como territorio histórico de singular relevancia no pasado, quere, deste xeito, ser un dos epicentros simbólicos dese proxecto europeo.

A antropóloga e profesora do Instituto Superior de Ciencias Sociais da Universidade de Lisboa lerá o seu discurso de ingreso na Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto no decurso da celebración do “XXXIV Encontro Galego-Portugués de Educadores/as Pola Paz” que se celebrará en Castro Laboreiro, no Parque Natural da Serra d´A Peneda-Géres os próximos días 21, 22 e 23. O lugar elixido non podería ser outro, porque o Couto Mixto está situado no Parque Natural. As xornadas prevista, cun programa de atractivos relatorios e mesas redondas, espertou tal interese que ao pé de cen persoas matriculáronse para participaren nelas.

A convocatoria conta cos apoios das universidades de Vigo e A Coruña, concello de Entrimo e Cámara Municipal de Melgaço, freguesías de Castro Laboreiro e Lamas de Mouro, e a asociación sociopedágóxica Nova Escola Galega.

“A profesora Paula Godinho é autora dunha prolífica bibliografía científica de sumo interese para os interesados en coñeceren as relacións dos pobos transfronteirizos”

A profesora Paula Godinho é autora dunha prolífica bibliografía científica de sumo interese para os interesados en coñeceren as relacións dos pobos transfronteirizos. Citamos algúns dos títulos publicados: “Oír o galo cantar dúas veces”, “O futuro é para sempre”, “Uso da memoria e prácticas do patrimonio”. Pódense atopar tamén traballos seus de investigacións en obras colectivas: “Reflexiones Rayanas”, “Cambedo da raia (Solidariedade galego-portuguesa silenciada)”,etc. Importante son tamén os seus relatorios en congresos internacionais e comparecencias en institución europeas ben aproveitados para proxectar as súas investigacións e divulgar as peculiaridades dos pobos e culturas transfronteirizas.

O discurso de ingreso na Academia, ao que responderá Luís M. García Mañá na súa condición de Presidente, versará sobre “Memoria do Couto Mixto e condiçao cosmopolita”, unha descrición que transcende ao relato das oríxes históricas dunha entidade territorial con goberno propio e privilexios que constituían un senlleiro ordenamento xurídico consuetudinario que rexía a súa organización social; o discurso da profesora Paula Godinho insírese na descrición realidade presente, albiscando un futuro onde o desenvolvemento socioeconómico dos pobos arraianos poden ter mudanzas en todos os ámbitos que mesmo trastocarían a marxinación na que agora están por outra situación que afectaría positivamente á poboación que os habita. Por outra banda, a futura organización rexional do Estado portugués, adiada en varias ocasións, terá que materializarse nun modelo acorde co deseñado polas institucións europeas.

Nese novo contexto, con modernas comunicacións que entrelazarán os asentamentos rurais e vilegos transfronteirizos darán paso a unha mellor vertebración do territorio para facer posible a arela de fixar poboación, así como aparición de industrias agroalimentarias acordes coa ubicación natural do territorio. Pola proximidade, os concellos galegos arraianos beneficiaranse deses cambios estruturais.

Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.