
Ponteareas | A Comunidade educativa puxo de manifesto a grave problemática existente en materia de seguridade viaria derivada da falta dun acceso peonil seguro para o alumnado do centro. Na actualidade, o alumnado está obrigado a transitar pola N-120 para acceder ao instituto, unha circunstancia especialmente preocupante por tratarse dunha vía con elevada intensidade de tráfico e que constitúe unha importante arteria de comunicación entre a vila, as parroquias e os concellos limítrofes.
Ademais, en numerosas ocasións a visibilidade vese reducida por condicións meteorolóxicas adversas, como a néboa, o que incrementa notablemente o risco para os peóns.

Segundo lembra a ANPA, o Goberno local é coñecedor desta problemática, xa que se levaron a cabo varias reunións cos responsables municipais. Na última das cales o Concelleiro de Ensino, Ricardo González, presentou unha proposta que segue sen resolver a demanda histórica, xa que continua obrigando ao alumnado a transitar pola N-120 para acceder ao seu centro de ensino. Ante a ausencia de outra alternativa , dende a ANPA Luis Pardo fíxose entrega no rexistro do Concello de 981 sinaturas apoiando a súa petición e convocouse a manifestación que se levou a cabo o pasado luns e a que acudiron centos de persoas, evidenciando a importancia de tales reivindicación e na que se insta ao Concello a que se reúna cos responsables educativos na busca dunha solución que ata agora non se produciu. Outras das reclamacións formuladas son a instalación de marquesiñas nas paradas de transporte escolar e a colocación de novos puntos de iluminación pública.




