BNG pide aumentar recursos para a saúde mental en Ponteareas

Dentro dos Orzamentos de 2027 e tras reunirse coa Asociación Avelaíña

Ponteareas/BNG | O BNG deu a coñecer as súas propostas para o Orzamento municipal de 2027 de Ponteareas, que se debaterá este martes nun pleno extraordinario convocado hai uns días. A formación nacionalista considera que o documento presentado polo goberno local non responde suficientemente ás necesidades da veciñanza e bota en falta partidas importantes en ámbitos como a saúde mental, o acceso á vivenda ou o abastecemento de auga.

“No escaso tempo facilitado polo goberno local, detectamos a ausencia de partidas relevantes para atender as demandas e necesidades das veciñas e dos veciños de Ponteareas. Por iso, malia as trabas impostas polo goberno de Nava Castro e a dereita, o BNG presenta emendas para mellorar uns orzamentos que deberían estar ao servizo da maioría social e non da propaganda electoral”, sinalan desde o Bloque.

A saúde mental é un dos ámbitos nos que o BNG centra as súas propostas. A través da súa candidata á Alcaldía, Cristina Fernández, a formación nacionalista propón aumentar nun 150 %, ata os 25.000 euros, o convenio de colaboración coa asociación Avelaíña, que proporciona atención individualizada a persoas con problemas de saúde mental. Así mesmo, o Bloque propón duplicar a partida destinada a actividades municipais de saúde, co obxectivo de impulsar campañas de información, concienciación e sensibilización. Para o BNG, é “fundamental reforzar os recursos e a prevención neste ámbito, así como a recuperación da Unidade de Saúde Mental na localidade, para evitar que as usuarias e usuarios teñan que desprazarse a Vigo”.

Outra das propostas destacadas é duplicar as axudas ás traídas de auga veciñais, ata alcanzar os 140.000 euros, para facer fronte aos problemas derivados da seca. Cristina Fernández explicou que “moitas comunidades de augas terán que realizar investimentos nos seus depósitos e nas súas redes, e desde a Administración local debe apoiarse este labor fundamental para garantir un servizo básico á veciñanza”. O BNG considera necesario reforzar o apoio municipal a estas entidades, que desempeñan un papel esencial no abastecemento de auga nas distintas parroquias.

No ámbito da vivenda, o BNG propón destinar 100.000 euros á adquisición e rehabilitación de inmobles para incorporalos ao alugueiro social. A formación nacionalista considera necesario que o Concello dea pasos concretos para facer fronte ás dificultades de acceso á vivenda, especialmente nun contexto de prezos elevados e escasa oferta de alugueiro a prezos asumibles. Para o Bloque, a administración local debe implicarse activamente na ampliación do parque público de vivenda e ofrecer alternativas ás persoas e familias que teñen máis dificultades para acceder a un fogar.

A recuperación das subvencións para investimentos en obras comunitarias e para asociacións de interese social, así como o incremento do convenio coa protectora de animais Os Biosbardos, son outras das propostas que o BNG presenta para incorporar aos Orzamentos municipais de 2027.

“Estamos convencidas de que Ponteareas merece máis. Por iso, como alternativa de goberno, o BNG pretende introducir melloras que permitan contar cuns orzamentos máis sociais, que atendan as necesidades das parroquias e que dean resposta a demandas importantes da veciñanza de Ponteareas. En definitiva, queremos unha Ponteareas con mellores servizos para que ninguén quede atrás”, sinalou Cristina Fernández.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.