
Ourense | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Ourense, a través da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta nesta provincia. Prevese adxudicar 31 lotes cun valor total de 1.759.709,11 euros. Cómpre destacar que 22 lotes contan con certificación PEFC e 4 dispoñen da dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados no mundo.
As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Os lotes superan os 61.000 metros cúbicos de madeira, que será vendida baixo as modalidades de alleamento a risco e ventura e a resultas de liquidación final. Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin.
Plataforma de consulta
Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas. Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta.




