VilaCastro reúne en Ourense a expertos en materia laboral, fiscal e IA

Abordou as novidades e obrigacións normativas que afectan o tecido empresarial

Ourense | VilaCastro Grupo Asesor celebrou este venres unha xornada empresarial na súa nova sede de Ourense, centrada nas principais novidades normativas e lexislativas que afectan as empresas, coa participación de profesionais e expertos en materia laboral, fiscal e regulación da intelixencia artificial.

O encontro tivo como obxectivo achegar ás empresas información práctica e actualizada sobre as súas obrigacións legais, resolver dúbidas e facilitar ferramentas para afrontar os cambios normativos que afectan á súa actividade diaria. A xornada comezou cun bloque dedicado ás novidades laborais e ao novo contrato de traballo, no que participaron Tania Lamas, inspectora de Traballo e Seguridade Social de Ourense; Montserrat Rey, avogada e responsable do Departamento Xurídico-Laboral de VilaCastro; e Alba Muñoz, avogada e responsable do Departamento de Subvencións de VilaCastro.

Durante esta sesión abordáronse cuestións relacionadas coa contratación, as obrigacións laborais das empresas e o rexistro horario.
En materia fiscal, Carmen Sampayo David, presidenta do Colexio de Economistas de Ourense e vicepresidenta do Consello Galego de Economistas, analizou os principais aspectos relacionados coa factura electrónica e VeriFactu, prestando especial atención ás novidades normativas, os prazos e as obrigacións que deben coñecer empresas e profesionais.

A xornada tamén dedicou un espazo á regulación da intelixencia artificial, da man de David López, CEO de Forgaltalent, quen abordou as implicacións da nova normativa e o seu posible impacto nas empresas. O encontro finalizou cun espazo de café e networking, que permitiu aos asistentes intercambiar experiencias, compartir inquietudes e establecer novas relacións profesionais.

VilaCastro, preto das empresas
Coa organización desta xornada, VilaCastro Grupo Asesor reforza o seu compromiso co asesoramento, a formación e o acompañamento ás empresas e profesionais de Ourense, apostando por iniciativas que lles permitan manterse informados e adaptarse a unha contorna empresarial e normativa en constante evolución.

A celebración deste encontro nas súas novas instalacións, situadas na rúa Avilés de Taramancos, número 40, supón tamén unha oportunidade para achegar a súa nova sede ao tecido empresarial e continuar fortalecendo a súa relación con empresas, autónomos e profesionais. Na foto VilaCastro Grupo Asesor, acompañando ás empresas desde 1988.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.