
Ponteareas | O Goberno municipal de Ponteareas, presidido pola alcaldesa Nava Castro, presentou o proxecto de Orzamento Xeral para o exercicio 2027, que ascende a 24.925.597,40 euros. Esta cifra convértese no maior orzamento da historia do Concello, tras experimentar un incremento de 2.407.188,86 euros (un 10,7 %) respecto ao ano anterior, que permitirá reforzar os servizos públicos, ampliar os recursos destinados ás políticas sociais e impulsar investimentos estratéxicos tanto no centro urbano como nas parroquias. O proxecto contempla unha previsión de ingresos de 25.243.891,38 euros, deixando un superávit técnico de 318.293,98 euros polas subvencións pendentes de cobro.
A alcaldesa, Nava Castro, salientou que estas contas “permiten seguir avanzando na modernización de Ponteareas, coa posta en marcha de novos equipamentos, a mellora dos servizos públicos e a execución de proxectos que darán resposta a necesidades históricas dos nosos veciños”. “Queremos que as inversión cheguen ao conxunto do municipio, que as parroquias conten con novos equipamientos e que Ponteareas siga avanzando na mellora dos seus servizos públicos”, engadiu a rexedora.
Pola súa banda, o concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Represas, explicou que «o incremento do orzamento está vinculado, en boa medida, á incorporación de investimentos estratéxicos e ao aproveitamento dos fondos europeos, que nos permiten financiar proxectos de gran relevancia para o municipio. Ao mesmo tempo, reforzamos os recursos destinados aos servizos públicos e garantimos a cobertura económica dos compromisos municipais».
2,7 millóns para Investimentos estratéxicos
A partida de investimentos reais ascende a un total de 2.719.868 euros co obxectivo de activar proxectos de gran envergadura e dar resposta a demandas históricas do municipio. A actuación de maior contía céntrase na nova biblioteca municipal, que recibirá unha achega inicial de 810.000 euros por parte do Concello para arrincar un equipamento cuxo custo global roldará os 8 millóns de euros.
Así mesmo, iniciaranse as dotacións económicas para construír os novos centros de día de Xinzo e Guláns dedicados á terceira idade, xunto con 200.000 euros para os centros socioculturais de Padróns e Pías.
No ámbito do saneamento, destínanse 350.000 euros ao canon do novo contrato do ciclo integral do auga —que prevé mobilizar 32,5 millóns a longo prazo—, complementados con 100.000 euros para fosas sépticas e 70.000 euros para traídas veciñais. A modernización comercial e industrial canalízase a través de máis de 300.000 euros para a dixitalización do mercado Mercatea en colaboración con Red.es, e outros 100.000 euros para avanzar no Plan Parcial do solo empresarial de A Lomba.
Finalmente, a seguridade refórzase con 75.000 euros para un camión autoescaleira de bombeiros e 26.620 euros para un vehículo policial, mentres que en urbanismo destacan as reformas da Praza Bugallal e a Baixada de San Gregorio xunto con plans de vivenda para alugueiro social.
O SAF cobra relevancia
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) consolídase como un piar central coa dotación de 2.229.094 euros para garantir a atención domiciliaria de persoas dependentes. O orzamento mantén 116.000 euros para emerxencia social, destina 20.000 euros para a asistencia xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) e garante os convenios con entidades como AFAGA, Avelaíña, Cruz Vermella, Voces nas Mans e Dar Máis.
Ademais, Ponteareas estrea oferta universitaria ao incrementar a 60.000 euros o convenio coa UNED para impartir dous graos universitarios en Comunicación e Intelixencia Artificial. Mantéñense tamén 20.000 euros para axudas de libros e material escolar. Tamén destacable é a partida de limpeza dos colexios públicos, que experimenta unha suba histórica ao pasar de 185.000 euros a máis de 415.000 euros anuais (un 124 % máis) para garantir a salubridade de todos os centros educativos. Finalmente, o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria contará con 2.183.936 euros anuais. No eido asociativo, destínanse 200.000 euros ao deporte local, 40.000 euros para casas culturais, e incrementase un 15 % a partida para o Corpus Christi. Tamén se asina un novo convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para investigar o legado de Reveriano Soutullo.
Estabilidade económica
O equipo económico liderado por Francisco Represas puxo en valor a solidez e a estabilidade que outorga ao municipio o feito de encadrar catro exercicios consecutivos de planificación económica aprobada en tempo e forma. A tramitación técnica do documento arrancará de xeito oficial o vindeiro martes 3 de novembro, coa celebración do pleno extraordinario fixado para a súa aprobación inicial, activando os prazos legais necesarios para que o orzamento entre en vigor de forma efectiva o 1 de xaneiro de 2027.
Esta metodoloxía de traballo continuada evita os problemas de xestión derivados de ter que recorrer a prórrogas orzamentarias automáticas do ano anterior. Grazas a esta anticipación, os distintos departamentos municipais contarán con plena certeza sobre os seus recursos dispoñibles desde o primeiro minuto do ano, garantindo a perfecta cobertura de todos os grandes contratos de servizos e axilizando de xeito notable o inicio de todos os expedientes de licitación das novas obras programadas.




