
Ourense | A Asociación Amigos da Cociña Galega e a Fundación A Muiñeira, celebraron en Santiago a gala do II Premios da Cociña Galega coa participación de 57 establecementos finalistas das catro provincias galegas, distribuídos en 19 categorías. A gala contou coa presenza de máis de duascentas persoas e cun xurado integrado por máis dun cento de profesionais do ámbito gastronómico.
Bar Orellas, na rúa da Paz do centro histórico de Ourense, e Fuchela, no Carballiño, recibiron os galardóns á mellor orella de porco e ao mellor polbo á feira, respectivamente. Bar Fuentefría, da cidade de Ourense, chegou á final na categoría de mellores callos galegos, xunto a Casa Brandariz, de Arzúa, e Pazo de Santa Cruz de Mondoi, de Oza-Cesuras, que foi finalmente o establecemento premiado. Os premios recoñecen elaboracións representativas da cociña galega, desde o polbo á feira, o cocido, a empanada ou as filloas ata diferentes receitas de peixe, marisco e carnes. Tamén dan visibilidade a propostas que contribúen a recuperar pratos esquecidos e a preservar espazos tradicionais de restauración.
Xosé Merelles, director de Turismo da Xunta, destacou que a gastronomía é “todo un pilar do modelo turístico galego”, asentado na autenticidade na que xira a Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Neste sentido, destacou o labor dos profesionais que conservan as receitas tradicionais, os produtos autóctonos e os coñecementos culinarios transmitidos de xeración en xeración.
“Galicia ten moitos motivos para presumir, pero a gastronomía é unha das experiencias que máis lembran as persoas que nos visitan, e tamén unha das razóns para volver”, sinalou. A cociña galega contribúe a prolongar as estadías, descubrir novas localidades e comarcas e xerar actividade económica tanto nas cidades como no rural.




