O BNG reclama recuperar o proxecto do metro lixeiro de Ourense

Pretende conectar a cidade coa súa área metropolitana

Ourense | Erea Blanco, concelleira do BNG no concello de Ourense e Bernardo Varela, portavoz do BNG na deputación de Ourense, e ambos parte da candidatura ao senado do BNG por Ourense, e acompañados por representantes do BNG de Ribadavia Carballiño, Baños de Molgas e o resto do grupo provincial do BNG, presentaron en rolda de prensa unha iniciativa para aproveitar as vías ferroviarias existentes e crear unha rede de proximidade que dea servizo a unhas 170.000 persoas.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama recuperar e actualizar o proxecto de metro lixeiro en superficie para Ourense, unha proposta formulada a finais dos anos noventa que permitiría conectar a cidade coas principais localidades da súa contorna, os polígonos industriais, os centros sanitarios e o campus universitario. Erea Blanco e Bernardo Varela, defenderon a necesidade de impulsar alternativas de transporte público capaces de responder aos desprazamentos cotiáns da poboación.

A proposta parte do aproveitamento da infraestrutura ferroviaria existente para desenvolver un servizo de proximidade semellante a un metro de superficie, con conexións entre Ourense e localidades como Ribadavia, O Carballiño, Os Peares e Baños de Molgas, ademais de novas paradas que faciliten os desprazamentos dentro da propia cidade. O obxectivo é configurar unha rede que permita acceder ao traballo, aos centros educativos e sanitarios e ás principais áreas de actividade económica sen depender do vehículo particular.

Erea Blanco salientou o carácter transformador e vertebrador do proxecto, que podería facilitar a mobilidade de arredor de 170.000 persoas e mellorar as conexións entre a cidade, os barrios, as parroquias e os polígonos industriais. A concelleira subliñou que non se trata dunha proposta nova, senón dunha iniciativa que leva décadas sen materializarse, malia a súa relevancia para o futuro de Ourense.

“Desde o BNG apostamos por proxectos transformadores e vertebradores como este metro lixeiro, que permitiría conectar puntos fundamentais da nosa contorna e garantir o dereito á mobilidade”, defendeu Blanco. Neste sentido, criticou que os compromisos coas necesidades de Ourense continúen sen traducirse en actuacións concretas e reivindicou a necesidade de contar con máis capacidade política para defender os intereses do país e das comarcas de Ourense en particular.

Pola súa banda, Bernardo Varela lembrou que a iniciativa ten a súa orixe en 1999, cando a Asociación de Amigos do Ferrocarril de Ourense promoveu unha proposta para crear unha rede ferroviaria metropolitana aproveitando as vías existentes e incorporando novas paradas. Aquel proxecto contemplaba distintos corredores para conectar a capital con Ribadavia, O Carballiño, Os Peares e Baños de Molgas, así como puntos estratéxicos da cidade, entre eles a estación de San Francisco, o campus universitario, a contorna da residencia sanitaria e os polígonos empresariais.

Varela destacou que a proposta chegou a contar coa implicación de distintas administracións e coa realización de estudos para avaliar a súa viabilidade. Segundo lembrou, a iniciativa contemplaba daquela un investimento estimado de arredor de 600.000 euros, unha cifra que, en todo caso, sería necesario actualizar para determinar o custo real da súa execución.

“Estamos falando dun proxecto que permitiría aproveitar unha infraestrutura que xa existe e que podería supoñer un cambio fundamental na mobilidade de Ourense e da súa contorna”, sinalou o portavoz provincial do BNG. “Non estamos pedindo nada extraordinario: estamos defendendo un modelo de transporte público que funciona noutras cidades e que aquí tamén pode contribuír a mellorar a vida da xente”.

O nacionalista criticou que unha iniciativa desta dimensión quedase paralizada malia o seu interese social e territorial. Segundo explicou, a documentación e as informacións publicadas naquel momento apuntaban á existencia de estudos de viabilidade e de contactos co Goberno estatal, sen que o proxecto chegase a materializarse. Para Varela, cómpre esclarecer as razóns polas que Ourense perdeu aquela oportunidade e evitar que a provincia siga quedando atrás en materia de infraestruturas e servizos públicos.

O BNG defende que a recuperación do metro lixeiro debe ir acompañada da implantación dun transporte metropolitano por estrada. Ambas as propostas son complementarias: mentres a rede ferroviaria permitiría artellar os principais corredores de mobilidade e conectar os núcleos con maior capacidade de demanda, os autobuses deberían garantir a conexión cos concellos e as localidades que non dispoñen de infraestrutura ferroviaria.

Neste sentido, Varela insistiu en que a mobilidade metropolitana non pode continuar bloqueada pola falta de entendemento entre administracións. A formación nacionalista xa denunciara a marcha atrás no acordo básico alcanzado en marzo de 2026 para implantar o transporte metropolitano de Ourense, que prevía a extensión de liñas do autobús urbano aos concellos limítrofes, a coordinación das concesións e a unificación dos sistemas de billetes e bonificacións.

“Non podemos seguir agardando durante décadas mentres os proxectos quedan nos caixóns. Ourense precisa propostas en positivo, planificación e compromiso das administracións competentes para facer realidade un transporte público útil, accesible e sostible”, afirmou.

A moción que o BNG someterá a debate reclama recuperar e adaptar o proxecto orixinal, impulsar unha rede de transporte público de proximidade baseada nun sistema de metro lixeiro en superficie e promover un modelo metropolitano integrado, coordinado cos servizos ferroviarios e cos autobuses. Así mesmo, propón trasladar os acordos á Xunta de Galiza, ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a ADIF, a RENFE, ao Concello de Ourense e aos demais concellos potencialmente afectados, para que colaboren na actualización dos estudos e na definición das actuacións necesarias para facer viable o proxecto.

O BNG considera que avanzar cara a unha mobilidade pública, sostible e coordinada é fundamental para mellorar a conexión entre os concellos, facilitar o acceso aos servizos básicos e reducir a dependencia do automóbil. A formación nacionalista reclama, por tanto, que as administracións asuman o compromiso de estudar e impulsar a súa recuperación.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.