
Ourense | Entregaronse tres proxectos de centros escolares de Ourense dos IV Premios Pódcast Ramón Otero Pedrayo, certame que conta co apoio da Xunta “co obxecto de incentivar a oratoria en galego entre as xeracións máis novas e a través da programación do Ano Oteriano, que lles está permitindo redescubrir a figura do intelectual galeguista, gran mestre nesta disciplina e baluarte do noso idioma”.
O traballo gañador foi ‘Ave Pedrayo II’, do colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas, mentres que ‘Don Ramón’, do instituto Otero Pedrayo, obtivo o segundo galardón e Samuel Barreiro, do centro escolar María Auxiliadora, recibiu a terceira distinción.
Valentín García, secretario xeral da Lingua, destacou o protagonismo deste certame dentro da “ampla e diversa programación”, perfilada ao longo deste 2026 coas principais entidades culturais galegas para conmemorar o Ano Oteriano, “á altura da relevancia que o homenaxeado tivo e mantén na cultura galega contemporánea”. Ademais, fixo fincapé en que Pedrayo foi “un dos protagonistas máis activos no prestixio e rexeneración do noso idioma no primeiro cuarto do século XX, o que o converte nun referente con absoluta vixencia para as actuais xeracións”.
O certame, convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua, a cooperativa agroalimentaria Coren e a Fundación Otero Pedrayo, está dirixido a estudantes galegos de 15 e 25 anos e conta cunha dotación total de tres mil euros, repartidos en tres categorías, ademais de diferentes agasallos aos gañadores. Os pódcast debían versar preferentemente sobre cuestións vencelladas ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sustentabilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral.




