Aberto o prazo para o cartaz oficial do Corpus Christi 2027

O Concello de Ponteareas abriu este prazo ata o 22 de novembro

Ponteareas | O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Turismo, vén de abrir a convocatoria do concurso público para deseñar o cartel oficial da Festa do Corpus Christi 2027. O obxectivo principal desta iniciativa é involucrar á cidadanía na creación da imaxe promocional que difundirá a festividade do vindeiro ano, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural (BIC).

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a importancia de manter viva a esencia artesanal e a implicación veciñal desde as fases iniciais da festa, destacando que “o Corpus Christi é a nosa tarxeta de visita ante o mundo e a máxima expresión do talento e a paixón da nosa xente”. E, con este concurso, “queremos premiar a creatividade e facer á cidadanía parte activa dunha celebración que nos identifica e nos enorgullece a todos os ponteareáns”, engadiu a rexedora.

Ao certame, que se rexerá por un sistema de xurado aberto e anónimo, poderá concorrer calquera persoa física maior de 18 anos de forma individual, cun máximo de dúas obras de creación propia, orixinais e inéditas. Como novidade explícita nas bases, as normas de participación estipulan que a técnica de creación será libre pero queda totalmente prohibido o uso de intelixencia artificial (IA) no deseño das propostas.

O concelleiro de Turismo, Manuel Gregores Martínez, explicou esta decisión, subliñando o valor da creación humana, “porque as nosas alfombras de flores son unha arte 100% manual, froito do esforzo, da delicadeza e do traballo artesanal das mans dos nosos alfombristas”. Por iso, considera Gregores “imprescindible que a imaxe que nos represente sexa tamén o resultado directo da sensibilidade e do talento humano, sen intervención da intelixencia artificial”.

A temática dos traballos deberá estar estreitamente vinculada á festividade de Ponteareas e ao seu sinal de identidade máis senlleiro: as alfombras de flores. Deste xeito, os elementos do deseño poderán xirar arredor das xentes, os materiais, os trazados, os debuxos ou o propio ambiente da festa. Así mesmo, os carteis deberán incluír obrigatoriamente o texto “30 de maio. Corpus Christi Ponteareas 2027”, xunto coas lendas “Festa de Interese Turístico Internacional” e “Ben de Interese Cultural”, reservando tamén unha franxa inferior libre para os logotipos institucionais e de patrocinadores.

Prazo de entrega
O prazo para a presentación de propostas rematará o vindeiro 22 de novembro de 2026 ás 23:59 horas. Para garantir o anonimato, as obras enviaranse exclusivamente por correo electrónico ao enderezo corpus@ponteareas.gal, especificando no asunto o texto “Concurso de carteis Corpus 2027 + [Lema elixido]”. No correo deberanse xuntar tres arquivos diferenciados: o propio cartel (baixo o nome do lema), a copia do DNI e a declaración de autoría asinada que se inclúe nos anexos das bases.

O xurado encargado de elixir a peza gañadora estará presidido polo concelleiro de Turismo, Manuel Gregores Martínez, e contará coa participación de catro vogais profesionais do ámbito das Belas Artes, o deseño gráfico e o alfombrismo. Á hora de puntuar, valoraranse criterios como a relación coa vila, a calidade técnica, o impacto visual e a orixinalidade.

O certame está dotado cun premio único de 1.000 euros. O veredicto do xurado darase a coñecer nun prazo máximo de dez días tras o peche do prazo de entrega e farase público na web municipal (www.ponteareas.gal) e nas redes sociais do consistorio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.