
Ribadeo | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou co alcalde do Concello de Ribadeo, Daniel Vega, un convenio de colaboración para a adquisición e rehabilitación da Casa Maseda, co obxectivo de convertela na nova oficina de información turística do municipio. A Xunta de Galicia achegará case 900.000 euros a esta actuación que pon en valor o patrimonio local para o seu aproveitamento turístico e que o Concello de Ribadeo estima ter rematada previsiblemente ao longo do vindeiro ano 2027.
Esta actuación permitirá mellorar a atención aos visitantes e peregrinos que recibe cada ano esta localidade e, ao mesmo tempo, recuperar e poñer en valor un inmoble de interese arquitectónico e patrimonial. A intervención terá como obxectivo principal preservar a identidade do inmoble. O proxecto contempla a súa rehabilitación estrutural e funcional, e prestará especial atención á conservación dos elementos patrimoniais protexidos. Entre eles destaca o escudo da fachada, cuxa preservación e posta en valor contribuirán a manter os sinais de identidade da Casa Maseda.
Xosé Merelles destacou a capacidade desta actuación para “recuperar un ben de interese cultural e turístico e adaptalo ás necesidades actuais”, integrando a conservación do patrimonio coa mellora dos servizos públicos destinados aos visitantes.
“O obxectivo é que a Casa Maseda poida converterse nun inmoble multifuncional que, ademais de mellorar o acceso á información turística, contribúa a reforzar a oferta cultural do municipio e a dinamización das experiencias turísticas relacionadas co seu patrimonio”, resaltou o director de Turismo de Galicia na súa intervención, engadindo que esta recuperación permite así “mellorar a atención ás persoas que visitan Ribadeo”. Neste contexto, o director de Turismo de Galicia tamén recordou o compromiso da Xunta coa “modernización dos servizos turísticos, a conservación do patrimonio cultural e a mellora da experiencia das persoas e peregrinos que visitan Galicia”.
Dúas plantas para visitantes e a dinamización cultural
A Casa Maseda, construída en 1880, forma parte do patrimonio arquitectónico do núcleo urbano de Ribadeo. A súa rehabilitación permitirá compatibilizar a recuperación do edificio coa incorporación de novos usos turísticos e culturais, garantindo a conservación dos seus principais valores patrimoniais. As melloras distribuiranse en dúas plantas, cunha organización pensada para combinar a atención directa ao público con espazos destinados a actividades culturais e divulgativas.
A planta baixa estará dedicada á atención e información turística, co fin de ofrecer un servizo máis cómodo e funcional aos visitantes. Pola súa banda, a primeira planta habilitarase como espazo polivalente destinado a exposicións, charlas e outras actividades culturais e divulgativas. A iniciativa alíñase cos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e adquire especial relevancia nun concello polo que discorre o Camiño do Norte, que xa superou os 20.000 peregrinos no que vai de ano.




