
Ourense | O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, avanzou esta mañá que o 100% dos concellos seleccionados para participar no Proxecto de residencias do Goberno autonómico -aprobado o pasado 14 de setembro no Consello da Xunta- xa formalizaron a súa adhesión a esta iniciativa que permitirá crear máis de 1.800 novas prazas en 25 centros.
Na súa intervención durante a presentación do proxecto, en San Cibrao das Viñas, e na que tamén estivo presente a conselleira de Política Social, Fabiola García, Rueda apostou pola colaboración “imprescindible” entre administracións para “cumprir cunha obriga que temos todos” e mellorar os servizos que se ofrecen aos cidadáns “en calquera lugar de Galicia”. Tamén salientou que esta iniciativa busca reforzar a rede de atención ás persoas maiores para que poidan elixir como e onde pasar esta etapa das súas vidas, coidando así “aos que nos coidaron”.
Este proxecto vai supoñer a posta en marcha de máis de 1.800 novas prazas -polo menos o 60% delas públicas- en 25 concellos. Á hora de seleccionar os municipios tívose en conta a taxa de envellecemento da poboación, que fosen de menos de 25.000 habitantes e que non dispoñan de prazas residenciais públicas autonómicas para dependentes (grado I e II).
Os concellos teñen agora un ano de prazo para ceder unha parcela na que construír as residencias e a Xunta realizará o resto de trámites para a súa posta en marcha, a través da colaboración co sector sociosanitario. Vaise apostar por un sistema de atención innovador, a través de lotes compostos, cada un deles, por unha residencia de máis de 100 prazas e outra, próxima, de 30, para acadar unha mellor optimización dos servizos.

Salientou que na Xunta “non queremos macrocentros, senón fogares para as persoas maiores”. Por iso, nas residencias con maior capacidade, os usuarios convivirán “en grupos reducidos” -de entre 20 e 30 persoas- para garantir a familiaridade e proximidade entre todos os residentes e o persoal.
Estas novas residencias permitirán achegar este servizo a municipios nos que aínda non existía e dinamizarán a economía da contorna xa que a previsión e xerar un milleiro de postos de traballo directos e outros 3.000 indirectos na construción ou na hostalaría, por exemplo.
O presidente destacou que, deste xeito, a Xunta avanza no seu compromiso de poñer en marcha 3.500 novas prazas residenciais nesta lexislatura e lembrou que o Goberno autonómico ten outras medidas para cubrir as necesidades dos maiores como son o Bono Coidado no Fogar -para persoas dependentes atendidas no domicilio por alguén das súa contorna- o Servizo de Axuda no Fogar ou a rede de 150 Casas do Maior.
Nesta liña, fixo fincapé no compromiso da Xunta con apoiar ás persoas maiores nesta etapa da súa vida, unha xeración que, salientou, foi o xerme da Galicia Calidade e que contribuíu a que Galicia sexa a comunidade próspera e de oportunidades que é hoxe en día.
Luís Menor
Trala finalización do acto, Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, referiuse ás necesidades de atención das persoas maiores e das súas familias: “Para unha persoa maior é importante poder recibir os coidados que necesita preto da súa familia e da súa contorna. A planificación destes servizos debe ter en conta esa proximidade e as características dos nosos concellos”.
O presidente provincial sinalou tamén que “a atención aos maiores require coordinación entre administracións e información clara ás familias sobre os recursos dispoñibles e os trámites necesarios para acceder a eles”.
Cinco centros previstos na provincia
A distribución prevista en Ourense comprende dous centros principais, en Ribadavia e San Cibrao das Viñas, e outros tres de menor capacidade, en Castrelo de Miño, Toén e Padrenda.
O proxecto organízase en lotes que combinan unha residencia de máis de 100 prazas cun centro próximo de 30. Ribadavia estará vinculada a Castrelo de Miño e San Cibrao das Viñas a Toén. A residencia prevista en Padrenda formará parte do lote compartido co concello pontevedrés de Arbo.
Unha vez formalizada a adhesión, os concellos dispoñen dun ano para facer efectiva a posta á disposición dunha parcela que reúna os requisitos necesarios. Pola súa parte, a Xunta tramitará o desenvolvemento dos centros mediante colaboración co sector sociosanitario.




