
Santiago de Compostela | Os sindicatos do ensino concertado de Galicia convocaron este 6 de outubro unha nova xornada de folga acompañada dunha manifestación en Santiago de Compostela, con saída desde a Alameda e chegada en San Caetano, fronte á Consellería de Educación, e que contou con aproximadamente 3.000 persoas que atenderon este chamado a pesares da copiosa chuvia.
Os FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG critican a nula vontade da Consellería de establecer un calendario de negociacións é o motivo principal que obriga ao traballador a retomar as mobilizacións.
As reivindicacións do colectivo do ensino concertado poden resumirse nos seguintes puntos:
– A convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do ensino concertado e a apertura de negociacións sobre os numerosos temas que permanecen pendentes, establecendo unha calendarización para os próximos anos dos acordos que deben ser asinados.
– Desbloqueo dos Acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, incluíndo: o Aboamento dos complementos de coordinación, titorías, dinamización lingüistica, … o Complementos de cargo.
– Paga extraordinaria de antigüidade.
– Redución da carga lectiva.
– Mellora dos acordos de xubilación parcial con contrato de relevo, incorporando a todo o persoal.
– Financiamento dun complemento autonómico para o Persoal de Administración e Servizos (PAS). As organizacións sindicais asinantes consideramos que a situación actual require unha resposta inmediata por parte da Consellería. Non é aceptable continuar adiando cuestións que levan anos pendentes, nin manter bloqueada a negociación mentres o malestar no sector continúa medrando.

A responsabilidade de dar resposta a esta situación corresponde á Administración educativa. As organizacións sindicais temos demostrado a nosa disposición ao diálogo e á negociación, pero o diálogo require necesariamente vontade de negociar e non pode substituírse polo silencio nin pola ausencia de convocatoria da Mesa.
A Consellería, a pesares das numerosas mobilizacións levadas a cabo polas persoas traballadoras do sector no curso pasado, nin convocou á Mesa Tripartita para iniciar ningún tipo de negociación, nin respondeu aos escritos remitidos polas organizacións sindicais, nin fixo xesto algún de reverter a situación.
O persoal traballador da ensinanza concertada representa un terzo da educación en Galicia, arredor de 7.000 profesionais que atenden ao 30% do alumnado galego das etapas non universitarias. A preocupación pola situación que atravesa este persoal é cada vez máis profunda. Só se conta con el para incrementar a burocracia e as obrigas, mentres que as melloras das súas condicións continúan estancadas e moi lonxe das existentes noutros ámbitos educativos.




