
Madrid | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor que Galicia afronta o Xacobeo 2027 no seu mellor momento e animou a visitala durante o próximo Ano Santo para aproveitar esta oportunidade histórica. Así o sinalou esta tarde durante a presentación en Madrid da campaña institucional que promocionará este evento. No acto estivo tamén acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.
Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou varios dos atractivos de Galicia como as paisaxes, o patrimonio cultural, o Camiño de Santiago, a hospitalidade da poboación ou a gastronomía.
Ademais, salientou os bos datos turísticos que está rexistrando a comunidade. Así, apuntou que no que vai de ano recolleron a Compostela máis de 467.000 peregrinos, un 7% máis que no exercicio anterior. Con todo, segundo as estimacións achegadas polos sensores situados no Camiño, apuntan que a afluencia sería moito maior, duns 730.000 camiñantes, xa que non todos os que fan a ruta recollen a acreditación ao rematala.
Rueda tamén recordou o traballo que está facendo de cara a prepararse para o Ano Santo, para o que quedan menos de 100 días. En concreto, lembrou que se está deseñando unha programación musical e cultural de primeiro nivel, ademais dos traballos para acondicionar os Camiños e todo o seu contorno. O obxectivo é que o Xacobeo sirva como un escaparate da Galicia Calidade e para consolidar á comunidade como un destino de primeiro nivel.
A campaña
A campaña presentada une os conceptos de Xacobeo e Galicia Calidade, e sitúa no eixo central o concepto do “mellor momento”, en referencia á situación actual da comunidade autónoma, a que o próximo ano será unha ocasión única para visitar o territorio e apelando ao propio público para que vivan as súas mellores experiencias en Galicia.
A banda sonora do anuncio é a canción El tiempo que paso contigo, interpretada polo galego Iñigo Quintero xunto ao dúo Besmaya. A campaña difundirase en televisión, radios, xornais, medios dixitais e soportes exteriores.
O acto de presentación en Madrid completouse coa celebración na Porta do Sol de dous concertos de Iñigo Quintero e Baiuca, artistas que son exemplo do talento galego contemporáneo.




