Luz Casal ofrecerá un concerto en outubro no pavillón Paco Paz en Ourense

Será a última cita do Festival Ou Yeah, dos concertos do Xacobeo 27

Ourense | O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, participou na presentación do concerto de Luz Casal que se celebrará na cidade de Ourense o vindeiro 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz. Este evento musical será a última cita da segunda edición do Festival Ou Yeah! que conta co apoio de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta.

Tralas actuacións en Expourense de Loquillo, de Kitty, Daisy & Lewis e de The Rapants o pasado mes de xuño; e na Praza da Veracruz do Carballiño da banda Burnin o pasado mes de xullo; o delegado da Xunta destacou que a artista subirase ao escenario para presentar o seu novo traballo Me voy a permitir, un dos proxectos máis libres e persoais da súa carreira, onde o público será testemuña da súa intensidade emocional e da forza do seu rock.

Manuel Pardo lembrou que ademais da programación musical, nesta edición, o festival reforza a súa dimensión gastronómica coa participación de cociñeiros ourensáns integrados na asociación Cociña Ourense, que elaborarán propostas culinarias específicas para cada unha das citas. Deste xeito, a experiencia complétase cunha oferta que pon en valor o produto local e o talento gastronómico da provincia, reforzando o vínculo entre cultura, turismo e identidade.

Os Concertos do Xacobeo na provincia de Ourense
O representante autonómico subliñou que a través do apoio a iniciativas como este festival, os Concertos do Xacobeo continúan impulsando un modelo cultural descentralizado, que leva propostas de calidade a todo o territorio galego e contribúe á dinamización económica e turística das vilas e comarcas mediante a celebración de eventos singulares. Concretamente, na provincia de Ourense, neste 2026,o programa da Xunta de Galicia apoia xa preto dunha vintena de eventos, que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.