Arbo, Crecente e As Neves avanzan na Agrupación de Protección Civil Ribeira do Miño

A súa base será a sede da Garda Civil de Arbo

Arbo | O salón de plenos do Concello de Arbo acolleu este 18 de setembro unha reunión clave entre os alcaldes implicados e os voluntarios que forman parte da nova Agrupación de Protección Civil Ribeira do Miño. Durante o encontro, explicáronse os pasos a seguir para a posta en marcha definitiva deste servizo supramunicipal, cuxo ámbito de xestión compartida abranguerá de forma conxunta os concellos de Arbo, Crecente e As Neves.

O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil Expósito, puxo en valor o complexo traballo administrativo e de coordinación entre os concellos implicados que supuxo a tramitación deste expediente. A creación desta agrupación “responde a un compromiso cos veciños”, sinalou o rexidor, quen engadiu que o servizo “non só ofrecerá axuda en momentos de crisis, senón que tamén fomentará a cooperación, a solidaridade e o compromiso cívico na comunidade”. A agrupación permitirá coordinar a prevención, mitigación e resposta rápida ante calquera emerxencia, así como apoiar na recuperación posterior.

Infraestruturas e Xestión
O centro de operacións, a base física e o emprazamento de todos os medios e efectivos da agrupación situaranse no Concello de Arbo, concretamente dentro do recinto da Garda Civil. Para facelo posible, o Concello ven de asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, que concede o 100% do importe necesario para o acondicionamento deste local.

Así mesmo, designouse ao Concello de Arbo como administración xestora do servizo, asumindo a xestión material, técnica e ordinaria, o que inclúe a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a solicitude de axudas e subvencións.

Estado Actual dos Efectivos e Futuras Convocatorias
Na actualidade, a Agrupación Ribeira do Miño conta con 19 voluntarios, sumando ademais 3 candidatos pendentes de realizar o curso básico. Cómpre lembrar que no pasado mes de xuño os últimos aspirantes xa completaron esta formación inicial necesaria para integrarse plenamente na agrupación. No transcurso dos vindeiros meses, publicarase un novo bando municipal dirixido á cidadanía co propósito de iniciar novamente o proceso de captación de novos candidatos e candidatas para integrarse na Agrupación Ribeira do Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.