
Salvaterra de Miño | O Concello de Salvaterra de Miño inaugurou hoxe o renovado parque infantil situado ao carón da Casa de Cultura, que pasa a levar o nome de Parque Infantil Juan Luís Villalón Ríos, en homenaxe ao pediatra que durante décadas desenvolveu o seu labor profesional atendendo a milleiros de nenos e nenas do municipio e de toda a comarca.
No acto participaron familiares de Juan Luís Villalón Ríos e representantes da Corporación municipal, entre eles a alcaldesa, o tenente de alcalde e varios concelleiros e concelleiras, que quixeron acompañar á familia nunha xornada especialmente emotiva para lembrar a figura dun profesional moi querido en Salvaterra de Miño.
A renovación integral do parque permite ofrecer ás familias un espazo infantil renovado, pensado para o lecer e o desfrute dos máis pequenos, ao tempo que se converte nun lugar para manter viva a memoria dun médico que deixou unha fonda pegada no municipio.
Juan Luís Villalón Ríos faleceu o 11 de setembro de 2021, aos 66 anos. Pediatra de profesión, iniciou a súa traxectoria profesional en 1979 e desenvolveu o seu labor en diferentes centros de saúde da comarca de Vigo, así como no Hospital Vithas Fátima, no Hospital Xeral e en distintos consultorios. A súa relación con Salvaterra de Miño foi especialmente estreita. A principios dos anos 80 abriu no municipio un consultorio médico que mantivo en funcionamento ata poucos meses antes do seu falecemento.

Durante anos residiu tamén en Salvaterra, consolidando unha forte vinculación coa localidade e coas familias ás que atendía. O seu carácter próximo, a súa calidade humana e a dedicación coa que exercía a pediatría fixeron que fose unha persoa moi querida por varias xeracións de familias.
O Concello decidiu, tras a renovación do parque infantil da Casa de Cultura, dedicarlle este espazo como recoñecemento á súa traxectoria e á súa especial relación cos máis cativos. Coa inauguración do renovado parque, Salvaterra de Miño incorpora así un novo espazo de encontro e diversión para a infancia que, ao mesmo tempo, servirá para lembrar ás novas xeracións a figura dun pediatra que dedicou boa parte da súa vida ao coidado dos nenos e nenas e que permanece na memoria e no afecto de moitas familias da comarca.




