
Ourense | O BNG volveu cargar contra o goberno local pola xestión do derrube da Casa de Baños, ao que o portavoz municipal, Luís Seara, cualificou de actuación sen ningunha cobertura xurídica. “Este goberno de ocupación, ademais de incompetente, non di unha soa verdade”, afirmou Seara.
Desde o punto de vista legal, as nacionalistas explicaron que non se pode xustificar unha tramitación de emerxencia tres meses despois do sinistro —o lume produciuse a mediados de maio—. O transcurso dun trimestre, sinalan, desvirtúa por completo a “inmediatez” que esixe o artigo 120 da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP). Por iso, para unha obra a estas alturas, é obrigatorio redactar e aprobar un proxecto técnico completo antes de licitar os traballos, e só cabería a excepción de actuacións de seguridade inmediatas se, transcorridos os tres meses, se desprenderan cascotes ou existise un perigo inminente de derrubamento da estrutura.
O BNG detallou que, por vía de emerxencia, únicamente se poderían executar as tarefas estritas para evitar ese perigo —como o apontoamento, o valado perimetral ou unha demolición parcial de urxencia—. Pola contra, para a reparación definitiva, rehabilitación ou reconstrución das instalacións municipais tres meses despois do incendio rexe a regra xeral: debe empregarse a tramitación ordinaria ou, na súa falta, a tramitación urxente do artigo 119 da LCSP, sendo completamente obrigatorio contar co proxecto técnico formalmente aprobado e supervisado antes de iniciar calquera procedemento de adxudicación.
A tramitación urxente reduce os prazos de licitación á metade, pero non exime en ningún caso de cumprir cos requisitos técnicos previos.
Seara lembrou que o pasado venres o alcalde xustificou o derrube alegando a existencia dun informe técnico que o aconsellaba por unha cuestión de emerxencia. “Desde logo, ese informe non temos constancia de que estea rexistrado”, denunciou o voceiro nacionalista, quen engadiu que os informes de emerxencia “teñen que redactarse nos cinco días posteriores ao sinistro e executarse nos primeiros quince días, así que tres meses despois non se xustifica a emerxencia”.
Ademais, o BNG confirmou que non consta na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ningunha solicitude de autorización para a intervención do edificio. O BNG denuncia que o Concello comezou o derrube sen informe de necesidade, sen existencia de documentos técnicos e sen a autorización de Patrimonio que avalase a decisión. “Fixérono porque lles deu a gana, porque non teñen a máis mínima sensibilidade en relación co noso patrimonio e cun edificio simbólico para a cidade”, sinalou Seara. Lembrou que as competencias en materia de patrimonio son da Xunta de Galicia polo que non entende “que é o que está a facer a Xunta desde que se procedeu ao derrubo do inmoble, qué medidas se están tomando?”.
O BNG trasladou a súa preocupación polo destino dos elementos patrimoniais retirados do inmoble, xa que nas imaxes difundidas aparecían depositados nun contedor, e reclaman saber que se fixo con eles. “En resumo, o alcalde é un mentireiro compulsivo que, ante esta situación, o único que fai é derivar responsabilidades”, concluíu o portavoz nacionalista.




