
Ponteareas | A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o Director do Proxecto, Manolo Juanatey, achegáronse á parroquia ponteareá de Bugarín para presentar in situ, coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, e parte da corporación, a nova senda peonil e ciclista da PO-254, promovida pola Xunta cun investimento de 1,7M€, que comeza na parroquia de Bugarín e que chega a Pías, pasando por Prado.
A nova senda, que ten un prazo de execución de 18 meses, contará con tres treitos de itinerario de 2 metros de ancho nas parroquias de Bugarín, Prado e Pías, ao longo de máis de 4 quilómetros. O proxecto tamén inclúe actuacións complementarias, como a habilitación de bandas de aparcamento, reservas de parada de bus e a reorganización da intersección entre a PO-254 e a PO-253 en Ponteareas, para permitir o cambio de sentido ou disposición de novos pasos de peóns.




