A Caniza presenta o novo cartaz da 60º edición da Festa-Feira do Xamón

Toma como punto de partida a imaxe da primeira edición no ano 1967

A Caniza | O Alcalde Luis Piña, acompañado por todos os concelleiros do Equipo de Goberno, presentou esta mañá a nova cartelería conmemorativa da 60ª edición da Festa – Feira do Xamón, a cita gastronómica e festiva máis representativa do municipio, que se celebrará o vindeiro 15 de agosto.

Con motivo desta edición tan especial, o Concello apostou por unha renovación da imaxe gráfica da Festa, co obxectivo de poñer en valor o significado desta efeméride sen renunciar á identidade que caracterizou este evento ao longo da súa historia.

O novo cartel toma como punto de partida a imaxe da primeira edición da Festa – Feira do Xamón, que se ven mantendo dende o ano 1967, recuperando os seus elementos máis representativos e reinterpretándoos cunha linguaxe gráfica contemporánea. Esta actualización permite conservar a esencia e o valor histórico da cartelería orixinal, ao tempo que adapta a súa identidade visual ás actuais necesidades de comunicación e aos distintos soportes de difusión, tanto impresos como dixitais.

A proposta integra os elementos visuais máis icónicos da Festa, respectando as súas raíces e proxectándoas cunha estética renovada, moderna e próxima, pensada para conectar co público actual sen perder a identidade que converteu esta celebración nun referente gastronómico de Galicia.

Como principal novidade, a cartelería preséntase en catro versións diferentes, identificadas polas súas cores coral, verde, azul e amarelo. Trátase de catro pezas únicas e coleccionables, editadas nunha tirada limitada para conmemorar unha edición histórica.

Segundo destacou o Alcalde, “non queriamos facer un cartel máis, senón crear unha proposta especial para celebrar os 60 anos da nosa Festa. Son catro pezas únicas, pensadas para que veciños e visitantes poidan coleccionalas e conservar un recordo desta edición tan significativa”.

“A iniciativa busca converter a cartelería nun elemento vivo da celebración, fomentando a procura das distintas versións e o intercambio entre coleccionistas e asistentes, transformando a publicidade da Festa nun recordo emocional e irrepetible”.

Con esta proposta, o Concello reforza a proxección institucional e promocional da Festa – Feira do Xamón nun ano especialmente simbólico, no que a celebración cumpre seis décadas de historia.

A nova cartelería acompañará toda a campaña de promoción da 60ª edición da Festa, que volverá converter A Caniza no referente gastronómico do xamón o próximo 15 de agosto, cun amplo programa de actividades .

Enlace a toda información sobre a feira: https://caniza.org/gl/actualidade/axenda-actividades/programacion-da-60-festa-feira-do-xamon-15-de-agosto-de-2026

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.