Mos e O Porriño acollen a neno/as saharauís

No marco do programa solidario “Vacacións en Paz”

Mos | O Concello de Mos deu a benvida hoxe aos 11 nenos e nenas saharauís que están a pasar os meses de verán con familias acolledoras de Mos e O Porriño no marco do programa solidario Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Dito acto tivo lugar no Concello de Mos e estivo presidida pola alcaldesa, Nidia Arévalo, representantes da asociación e as familias acolledoras, que un ano máis abren as portas das súas casas para ofrecerlles aos menores un verán seguro, saudable e cheo de experiencias.

Durante o encontro, a rexedora agradeceu o compromiso das familias participantes e puxo en valor unha iniciativa que “representa o mellor da solidariedade e da cooperación entre pobos”. “Cada verán, Mos demostra que é un concello comprometido coa infancia e cos dereitos humanos. Estes nenos e nenas atopan aquí un fogar, atención sanitaria e a oportunidade de vivir unhas semanas afastados das durísimas condicións dos campamentos de refuxiados saharauís”, destacou.

O programa Vacacións en Paz permite que 280 menores procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís poidan pasar os meses de xullo e agosto en Galicia, afastándose das temperaturas extremas que no verán superan os 50 graos e accedendo a unha alimentación equilibrada, revisións médicas e actividades de lecer. Durante a súa estancia en Mos, os menores poderán participar gratuitamente no campamento municipal infantil Mañás de Verán, gozar da piscina ao aire libre de San Eleuterio e integrarse nas actividades culturais, deportivas e sociais organizadas no municipio.

Como é habitual, o Concello de Mos organizará durante o mes de agosto unha xornada de convivencia na que os nenos e nenas compartirán unha tarde de lecer coas familias acolledoras e co resto dos participantes no programa.

O Concello de Mos continúa colaborando con esta iniciativa mediante un convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, prestando apoio económico, facilitando o transporte desde o aeroporto de Peinador e colaborando na organización da recepción e das actividades previstas durante o verán.

Ademais, os menores contan coa cobertura sanitaria garantida grazas á colaboración co Sergas, que inclúe revisións médicas, vacinacións e atención sanitaria durante toda a súa estancia.

Con esta nova edición de Vacacións en Paz, Mos reafirma o seu compromiso coa solidariedade, a cooperación internacional e a defensa dos dereitos da infancia, mantendo unha colaboración consolidada co pobo saharauí e coas familias acolledoras que fan posible este proxecto ano tras ano.

A excelencia educativa ten premio
O Concello de Mos celebrou esta mañá un acto institucional de recoñecemento á excelencia educativa co obxectivo de distinguir o alumnado do municipio que acadou os mellores resultados académicos durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026.

Durante o acto fíxose entrega un diploma conmemorativo ao alumnado que obtivo a Matrícula de Honra en Bacharelato e tamén aos estudantes recoñecidos polos seus excelentes resultados na Proba de Acceso á Universidade (PAU), poñendo en valor o seu esforzo, dedicación e compromiso coa formación.

No curso 2024/2025 foron recoñecidos Noa Arosa, Paula Maceira, Shaila Pintos, Alba Sotelo, Iván Belousov, Sofía Bugarín e Tania Diéguez. Paula Maceira, Sofía Bugarín e Tania Diéguez destacan por obter ambos os recoñecementos, tanto pola súa Matrícula de Honra como polos resultados acadados na PAU.

Polo que respecta ao curso 2025/2026, recibiron este recoñecemento Adrián García, Rita Lago, Izan Martínez, Israel Romero, Marta Pérez e Laura Nogueira. Adrián García, Izan Martínez e Israel Romero obtiveron igualmente o dobre recoñecemento en Bacharelato e na PAU.

O Concello de Mos fixo tamén unha mención especial a Xiana Carrera Alonso, distinguida co Premio Extraordinario Fin de Carreira 2026 polo seu dobre grao en Matemáticas e Informática na Universidade de Santiago de Compostela, cun brillante expediente académico. Aínda que non puido asistir ao acto por atoparse desenvolvendo a súa carreira profesional nos Estados Unidos, o Concello de Mos quixo incluír este recoñecemento como exemplo da capacidade e do talento da mocidade mosense.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “cando un estudante alcanza a excelencia, detrás hai moitas horas de traballo, o apoio das familias e o compromiso do profesorado. Hoxe queremos dicirlles que Mos está orgulloso deles e que son un exemplo para toda a nosa mocidade”. Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa educación e coa promoción da cultura do esforzo, recoñecendo publicamente a quen demostra que o traballo, a perseveranza e a excelencia son os mellores piares para construír o futuro.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.