
Santiago de Compostela | Os 40 barcos que participan na VI Ruta Rías Baixas-Camino de Santiago da Ría de Muros Noia zarparon con destino a Ría da Estrela, a onde está prevista a súa chegada este xoves 2 de xullo. Unha iniciativa organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona, o Real Club Náutico de Portosín, a Ría da Estrela e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, que ademais conta co patrocinio do Banco Sabadell Urquijo.
A recente declaración da Vía Queirinissima como Itinerario Cultural Europeo supuxo un gran espaldarazo para esta iniciativa. Porén, para facilitar a loxística do evento, houbo que limitar o número de participantes este ano, cuxas prazas se cubriron case de forma inmediata. Aínda así, trátase da edición con maior participación, so superada pola de 2025.
Un punto que destaca o presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, quen lembra que “cada vez hai máis participantes, máis persoas que queren vir e isto deriva da declaración desta ruta como itinerario cultural europeo. E seguiremos traballando para que sexa todo un referente, un camiño cara Santiago, porque iso suporá un retorno económico para a Ría da Estrela”.
Boa proba deste interese son os dous turoperadores transalpinos que visitaron o Camiño da Ría de Muros Noia nas últimas semanas e a participación dun gran número de navegantes portugueses nesta sexta edición da ruta, moitos deles procedentes do porto de Leixoes. Todo un adianto do impacto que o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia suporá para o próximo Xacobeo 2027.
Flota e percorrido
Tras recorrer baixo as mellores condicións de navegación posibles a primeira etapa, entre o Monte Real Club de Yates de Baiona e Combarro, a expedición saíu con rumbo á illa de Ons, espazo natural protexido onde desfrutaron da comida antes de enfilar a proa cara o Club Náutico de Portonovo.
Entre os barcos participantes figuran modelos de referencia dentro da navegación de cruceiro como Bavaria, Oceanis, Dufour, Hallberg-Rassy, Hanse, Elan, Jeanneau ou Atlantic, ademais de catamaráns Lagoon. A flota reúne embarcacións de entre oito e más de dezaseis metros de eslora, que navegarán xuntas ao longo de máis dun cento de millas por algunhas das paisaxes marítimas máis espectaculares de Galicia.
Unha flota que chegará a Muros na tarde do próximo xoves 2 de xullo. A xornada do venres 3 inclúe unha navegación polo Mar de Fisterra, con paso fronte ao Castro de Baroña e escala na praia de Aguieira, antes de chegar ao Real Club Náutico de Portosín, onde terá lugar unha cea de fraternidade.
A maiores, os navegantes que selaran as súas credenciais de peregrinos nos portos deportivos da ruta, poderán conseguir a Compostela. Unha vez sumadas máis de 100 millas náuticas, so restarán 12 quilómetros a pe desde Bertamiráns a Compostela para cumprir cos requisitos establecidos polo Arcebispado de Santiago. Unha camiñata que realizarán o sábado 4 de xullo e onde a Ría da Estrela sorteará un agasallo entre todos os participantes.
A VI Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia permite aos tripulantes vivir a experiencia do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia, recuperando unha tradición que se remonta á Idade Media, cando peregrinos de toda Europa chegaban por vía marítima a Galicia. A ruta sigue o itinerario dunha desas peregrinacións, a do navegante veneciano Pietro Querini (1431) que deu orixe á Vía Querinissima.




