300 persoas asistirán ao II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

Provenientes dos cinco continentes e estarán no Monte do Gozo do 19 ao 22 de outubro

Santiago de Compostela | O II Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (2EM) centrará o seu traballo en cinco temáticas: a creación dunha rede de camiños en América desde a que os camiñantes poidan comezar a súa peregrinación antes de trasladarse a Europa, a consolidación dos roteiros do Leste de Europa, a conservación do Camiño en España, a hospitalidade Xacobea e a posta en valor do patrimonio cultural do Camiño, con especial atención á Catedral de Santiago.

Un evento que se desenvolverá entre o 19 e o 22 de outubro no Monte do Gozo e que reunirá a máis de 300 persoas procedentes de asociacións dos cinco continentes. “En 2016 fixemos o primeiro encontro que serviu para coñecer de primeira man o enorme potencial do movemento xacobeo no mundo.

Neste segundo encontro desexamos que sexan as asociacións as que falen e teñan o protagonismo”, explica Jorge Martínez Cava, presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS)

O encontro dará comezo mañá xoves 19 de outubro cunha conferencia a cargo de Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da arte da USC e director da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, quen falará sobre “Santiago no Altar Maior da Catedral de Santiago de Compostela. Iconografía, culto e ritos de peregrinación”. Miguel Taín estará acompañado polo presidente da FEAACS, Jorge Martínez Cava; e polo director do Xacobeo, Ildefonso de Cámpaa. Venres: Europa, España e Catedral Europa centrará dúas mesas de debate no 2EM.

A primeira, moderada por Javier Leralta, xornalista especialista no Camiño de Santiago, tratará cuestións como a consolidación e desenvolvemento dos Camiños de Santiago, cunha especial atención aos roteiros do Leste de Europa. Participarán representantes das asociacións de Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Romanía, Dinamarca, Países Baixos, Bélxica e España.

Europa tamén centrará unha segunda mesa de debate, nesta ocasión o sábado e coordinada por Manuel Rodríguez, na que se tratarán cuestións como a consolidación dos lugares de acollida e os puntos de información para peregrinos. A segunda mesa de debate do venres centrarase en España e nela trataranse asuntos de suma importancia para a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que conta con 47 asociacións nacionais federadas, como son o mantemento e a preservación dos diferentes Roteiros Xacobeos, así como as relacións coas diferentes institucións implicadas nestas cuestións.

Na mesa estarán presentes representantes de Andalucía, Cataluña, Galicia, Castela e León, Levante e Camiños do Norte de España. A Catedral de Santiago centrará a terceira mesa, moderada polo cóengo arquiveiro da Catedral, Javier Buide do Real, director do Arquivo da Catedral de Santiago; mentres que a cuarta mesa versará sobre aspectos fundamentais de conservación do patrimonio do Camiño, tanto material como inmaterial.

Unha mesa coordinada polo historiador e escritor Francisco Singul, na que se poñerá en valor a tradicional Hospitalidade Xacobea, que aspira a ser Patrimonio Intanxible da Humanidade. No debate participarán a directora xeral de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua; o director xeral de Cultura e Patrimonio de Cantabria, Pablo León Gasalla; e representantes da Federación Camiño Francés e do Centro Italiano de Estudos Contemporáneos, José M. Martínez Montañés e Iacoppo Caucci.

Sábado: América e hospitalidade
O sábado 21 de outubro, ás 9:00 horas terá lugar a mesa redonda sobre América, coordinada polo escritor ourensán Alberto Cacharrón. Contará con representantes de Asociacións de Amigos do Camiño de Canadá, Brasil, Arxentina, Uruguai e México.

Nela tratarase a necesidade de implementar roteiros que primeiramente se circunscriban ás cidades, como camiños máis pequenos, que logo se unirán entre si para tecer unha rede que se vaia parecendo á Europa. “Este modelo xa se está realizando en Reino Unido”, explica Alberto Cacharrón, para quen outro dos obxectivos desta mesa é axuntar ás diferentes asociacións americanas co claro obxectivo: traballar conxuntamente e que de aí poida xurdir a constitución dunha Federación similar á española.

Existe unha tendencia crecente a facer o camiño desde ese continente, “o bonito é que veñan cun camiño andando e que logo poidan seguir facéndoo unha vez en Europa e conseguir dúas credenciais: a americana e a peninsular”, apunta Cacharrón. Finalmente, coordinada por Manuel Oliva, coordinador dos Hospitalarios Voluntarios, terá lugar a mesa sobre a hospitalidade. Esta mesa contará con representantes de Croacia, Estonia, Porto Rico e Tenerife. Estes narrarán en primeira persoa as súas vivencias como peregrinos de longo percorrido (que realizan o camiño durante un mínimo de 3 semanas) e que pasaron por diferentes albergues.

“Estes representantes, ademais de peregrinos, foron tamén hospitalarios, de maneira que teñen ese dobre perfil para falar das súas experiencias”, sinala Manuel Oliva. O obxectivo desta mesa é poñer en valor esta figura altruísta e voluntaria do hospitalario. Actualmente en España hai 600 voluntarios, principalmente no Camiño Francés e tamén na Vía da Prata.