2ª Andaina Eurocidade 2012 – Os muiños do Tripes

Será este domingo 25 ás 09.00 horas galegas

Tui – Valença | Este domingo 25 de marzo realizarase o segundo percorrido das Andainas Saudables Eurocidade 2012: “Os Muíños do Tripes”, organizada pola Eurocidade Valença – Tui.
O punto de encontro será o Lavadoiro de Circos, ás 09.00 horas (españolas). O percorrido terá unha duración de aproximadamente 2h 30m e o grao de dificultade é fácil.
O Tripes é un pequeno río, afluente do Miño que nace no Parque Natural do Monte Aloia e o cruza pola súa marxe oeste. Ao longo do seu trepidante curso, dende o seu nacemento e ata o seu fin a altura do Camiño da Barca, este regato bateu coas súas augas nos rodicios de innumerables muíños, hoxe centenarios.
A rota comeza na área recreativa de Circos na parroquia de Pazos de Reis, trátase cun sendeiro circular que vai acompañado por unha fermosa fraga, na que abondan especies como o salgueiro, o amieiro, a avelaira e o carballo, pero proba da simbiose do home con este espacio, son os – hoxe abandonados – pomares, pequenos soutos, socalcos de cultivo infestos de cerquiños, antigos panascos nos que hoxe agroman silveiras.
A fraga, fresca e sombría, acubilla multitude de pequenos mamíferos, réptiles e insectos. A altura da ponte de pedra que cruza o Tripes vemos un muíño maior, chamado de maquía, estes tamén dispoñen de vivenda, onde vivían os muiñeiros. Neste recanto a paisaxe rural de aproveitamento do terreo en terrazas permanece intacto
Dende a ponte de pedra podemos observar troitas, libeliñas de cor verde e azul metálico, zapateiros e ras. A rota continúa por un antigo camiño, empregado en tempos para levar o gran aos muíños, as rodadas dos carros deixaron a súa pegada desgastando as lousas de pedra.
Punto de encontro:
Lavadoiro de Circos
Coordenadas 42º 3’35” N / 8º 39’48” O
Googlemaps 42.059794,-8.663777

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!