120 novas prazas de aparcamento en torno a “MercaTea”

A parcela está situada nos antigos terreos de Granitos

Ponteareas | O Concello de Ponteareas deu un paso estratéxico fundamental para mellorar a mobilidade e o dinamismo económico do centro urbano. A alcaldesa, Nava Castro, e o teniente de alcaldesa, Juan Carlos González, veñen de pechar con éxito as negociacións para conseguir a cese dunha parcela de 3.000 metros cadrados de superficie.

Este espazo, situado nos antigos terreos de Granitos e xunto ao novo mercado municipal “Mercatea”, foi acondicionado de urxencia e xa se atopa totalmente operativo como un gran aparcamento público gratuíto con capacidade para máis de 120 vehículos. Coa súa apertura, o Concello cumpre co seu compromiso de ofrecer alternativas públicas e gratuítas de aparcamento, facilitando o acceso aos servizos esenciais e dinamizando o corazón comercial de Ponteareas.

A medida supón unha resposta directa e eficaz a unha das necesidades máis urxentes do municipio, como é a falta de espazo de estacionamento provocado polo notable aumento do movemento de vehículos en Ponteareas. Este fluxo circulatorio viuse incrementado de xeito moi significativo grazas ao grande éxito de afluencia do novo mercado municipal.

O tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González, destacou o esforzo de xestión realizado para conseguir estes terreos de Granitos. “Reaccionamos con rapidez ante o aumento do tráfico vehicular na vila e tamén na contorna do mercado. Conseguir esta parcela estratéxica é unha excelente noticia, pero o máis importante é que xa realizamos os traballos necesarios para que estea en funcionamento. Deseñamos un espazo con capacidade para máis de 120 coches que será totalmente gratuíto, garantindo unha rotación cómoda e fluída que desconxestionará as vías principais de Ponteareas”, explicou González.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa gran satisfacción por este logro que cualificou como “un impulso vital para o día a día da nosa vila”. Castro subliñou que “a posta en marcha de ‘Mercatea’ supuxo unha revolución comercial e social para Ponteareas, pero tamén un reto de mobilidade. Con este novo aparcamento de 3.000 metros cadrados non só damos solución a unha necesidade real dos condutores, senón que facilitamos que veciños e visitantes poidan acudir ao mercado e facer as súas compras coa máxima comodidade, potenciando así o comercio local”.

Coa apertura desta parcela, o Concello cumpre co seu compromiso de ofrecer alternativas públicas e gratuítas de aparcamento, facilitando o acceso aos servizos esenciais e dinamizando o corazón comercial de Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.