12 de agosto de 1975.

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polos alcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dos textos das esquelas que se publican nos xornais.

O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas datas en 1975 tiven unha demorada conversa con veciños da miña aldea sobre estas curiosidades onomásticas. Daquela eran moi frecuentes os apelidos “Expósito”, por exemplo, porque evidenciaban que o naipelo fora abandonado pola súa nai no torno dun hospicio. As monxas rexistrabannos con tal apelido. Os párrocos aos fillos/as de nais solteiras inscribíannos con chuscas filiacións como “Incógnito”,”N.T.” (no tiene), “N.C.” (no consta), “No”, “Desconocido”, “Sin Segundo” ( Celso E. Ferreiro dedicoulles un poema: “Fuco Pérez Sen Segundo”). Coñecín moitas persoas con esas odiosas filiacións.

Chegada a maioría de idade a lexislación permitíalles cambiar esas filiacións para non ter que apandar de por vida co carisma da deshonra. Foi asi como os “Sen Segundo” puideron pasar a chamarense “Sansegundo”. Lembro que en Vigo naqueles anos había un xuíz con ese apelido, que supoño lle viría de herdanza; funcionario xudicial de talante autoritario e parcial na súa actividade xurisdicional que mantiña estreitas relacións de complicidade ideolóxica coa Brigada Político-Social, os máis deles coñecidos tamén polos seus alcumes : “A Cotovía”, “Benito O Cornudo”, “A Píta de Pesqueiras”, “O seminarista”, “O guapo”, “O baldreu”… Moitos deles tiñan como medio de vida a extorsión e o exercicio da tortura, práctica esta que adoitaban utilizar para sonsacarlles aos detidos confesións pola forza. Cumpridas as setenta e dúas horas da detención tiñan que presentar os detidos perante o Xuíz. Daquela facíanlles esta malévola advertencia: “Desta non te salvas, porque está Sansegundo de garda, e vas directamente para o cárcere.

“No meu caso, Sansegundo asinou unha orde ingreso na prisión de Vigo. Aos quince días meu pai pagou 50.000 pesetas para conseguir a miña liberdade condicional”

No meu caso, Sansegundo asinou unha orde ingreso na prisión de Vigo. Aos quince días meu pai pagou 50.000 pesetas para conseguir a miña liberdade condicional. Mais foi o caso que ao saír xa me estaban agardando fóra os que me torturaran. Como non me puideran quitar ningunha confesión delatora anteriormente, no coche, camiño da comisaria, fóronme advertindo que desta volta ía saber o que era bó, aludindo asi a formas de tortura máis violentas. Nada máis choerme na cela prepareime sicoloxicamente para os interrogatorios. Acordei entón dun dito popular que di : “mentres o pau vai e vén,descansa o lombo”; ou aquel outro que afirma que “o que malla tamén cansa” Neses periodos de tempo atopaba refolego. Iso desquicíabaos. Subiron o ton da tortura meténdome nun claustrofóbico cortelliño de mínimas dimensións,escuro e sen respiradeiro. Chamánbanlle eles “o amolecedor”. Os detidos sofrían tal crise de ansiedade que desperados pedían a berros que os liberasen a cambio de recoñecer o que lles pedísen. Eu aguantei. (“non hai mal que cen anos dure”,convencíame a min mesmo). Iso alporizounos aínda moito máis.Buscaron outro escenario.Leváronme ás tres da madrugada á praia de Alcabre onde simularon un “paseo”. Tampouco lles resultou eficaz.Dei a volta e mirándoos desafiante díxenlles que disparasen; eu serei a víctima e vós os asasinos”.

O caso foi que aqueles policías con alcumes xa citados tiveron que presentarme outra vez no Xulgado. Pero desta volta o xuíz chamábase Luís Manuel Amador Moreiras. Feita a pregunta de rigor: “Tiene algo que declarar”?, respondínlle que si abrindo a camisa para que vise como tiña o corpo cheo de mazaduras. Aquel maxistrado demócrata quedou abraiado polo estado que presentaba, díxo: “Yo de esto no quiero saber nada”. Instoume a fuxir. Para curarse en saúde ditou unha orde de busca e captura. (“Estando el detenido prestando declaración abandono precipitadamente mi despacho”).Aínda vive Nemesio Barxa,o meu avogado, para contalo.

Aquela orde de busca e captura estivo en vigor deica 1984. Durante eses anos, malia ter sido amnistiado, e sendo funcionario público, fun incordiado, retido e detido ben veces. Como di Óscar Alzaga no seu libro “La conquista de la transición (1960-1978).Memorias documentadas”, referíndose a Rodolfo Martín Villa, ministro de Interior, “sus órdenes de destrución de las fichas policiales para propiciar la reconciliación política nunca se cumplieron”.

As vicisitudes que vivín relatareinas nas memorias que estou a escribir. Non esquecerei que días antes do 12 de agosto,alguén que debera estar no exilio en Porto, tomou a temeraria decisión persoal de vir de vacacións a Vigo “para estar coa familia”(!). Aínda hoxe non sei como intepretar aquel feito.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.