Xornada de divulgación ‘Naukas Coruña 2017’

 

A Coruña | O teatro Rosalía de Castro acollerá o día 25 de febreiro a xornada de charlas científicas ‘Naukas Coruña 2017’, que organizan os Museos Científicos coruñeses xunto co proxecto Naukas, e que nesta edición se presenta baixo o lema ‘A vida, o Universo e todo o demais’. A sesión matutina dará comezo dará comezo ás 10.30 horas, coa charla ‘Dez millóns de anos non son nada’, a cargo de Mariano Santander, da Universidade de Valladolid. As 11.15 horas, a responsable de comunicación do proxecto Nanocosmos no ICMM-CSIC, Natalia R. Zelmanovitch, e o astrofísico no Instituto de Astrofísica de Andalucía
Manuel González protagonizarán a ponencia ‘Observando en distintas lonxitudes de onda: do visible e o invisible’. As 12.00 horas será a quenda do director técnico de la Casa de las Ciencias, Marcos Pérez Maldonado, e a proposta ‘A astronomía como cha contan’, que dará paso, ás 12.45 horas, á intervención de Elena González Ferreiro, do Grupo de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago, baixo o tíutulo ‘O universo do diminuto’. Ás 13.30 horas, a charla ‘Curiosidade polo ​ dark ’, da escritora e filóloga Estíbaliz Espinosa pechará a primeira parte da xornada.

Xa pola tarde, a sesión retomarase, desde as 16.30 horas, con Carlos Briones, do Centro de Astrobiología CSIC-INTA, coa proposta ‘A orixe da vida na Terra…Ou fóra dela?’. A continuación, Daniel Marín, do equipo de Naukas, abordará ‘A fascinante variedade de planetas extrasolares’, a partir das 17.15 horas, e ás 18.00 horas, Juan Ignacio Pérez, da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), falará de ‘Cultura e evolución humana’. A última intervención da xornada corresponderá ao astrofísico e escritor Ignacio Santander, do Instituto de Ciencia de Materiales de Madrid (ICMM), coa proposta ‘E despois de nós, que?’, ás 18.45 horas, que dará paso á despedida e peche.

A xornada, que terá carácter gratuíto –pero que require rexistrarse a través da web https://www.eventbrite.es/e/registro-naukas-coruna-2017-31319304884​ – ofrecerá un total de nove sesións de carácter divulgativo, e estará conducida polo humorista Víctor Grande, que exercerá de mestre de cerimonias. Na actividade, organizada polo Concello con Naukas, tamén colaboran a Escola de Imaxe e Son da Coruña e a Cátedra de Cultura Científica da UPV/EHU.