Xaquín Marín, baluarte do humor gráfico galego

Francisco Puñal Suárez | O Farelo quere destacar o extraordinario valor da obra do galego Xaquín Marín nos seus debuxos, carteis, caricaturas, e libros editados, sobre todo pola súa humanidade, o seu compromiso político en defensa da xustiza social, da cultura galega, do seu idioma, e pola súa actitude coherente e permanente. Xaquín, con máis de catro décadas de traballo fecundo, é un baluarte do humor galego, da súa retranca, coa súa constante crítica a toda a falsedade de políticos corruptos, e aos valores hipócritas da sociedade.

 

A súa mirada cáustica e enxeñosa sempre queda expresada nos seus exquisitos debuxos, onde nos mostra a súa forza creadora e sinálanos asuntos sociais de importancia. Nese sentido, Xaquín Marín continúa a senda trazada por Castelao, Carlos Maside, e outros debuxantes galegos.

 

Tamén hai que mencionar a súa importante labor realizada á fronte do Museo do Humor de Fene onde Xaquín, co apoio do Concello e do alcalde Xosé María Rivera Arnoso, do BNG, anos atrás, realizou un meritorio traballo de divulgación e promoción do humor gráfico, deu a coñecer a obra de caricaturistas galegos, organizou durante anos as Xornadas de Humor onde se outorgaban os Premios Curuxas, e realizáronse numerosas actividades en escolas e institutos.

 

Xaquín Marín, é hora xa de proclamalo aos catro ventos, é un tesouro cultural, non só galego, senón universal. É un artista de corpo enteiro, aplaudido e querido non soamente en Galicia, senón en todos os lugares onde chegou a súa obra, polo seu inmenso talento, e por reflectir a vida mesma e temas da condición humana nas súas obras.

 

Como escribise Ramón Loureiro, “a súa obra fai mellores os nosos días, como a maxia dous seus debuxos e dous seus lenzos permite navegar entre as malas horas nunha barca de soños”.