Carballo, Ribeira e A Estrada, onde a Lingua Galega rexurdíu.

Un rexistrador da propiedade chamado Xoán Manuel Pintos metido a combativo poeta escribíu, “ A gaita gallega”, o libro máis reivindicativo da lingua galega a mediados do século XIX. Entre verso e verso denunciou a marxinación da lingua galega dos documentos públicos.

É verdade, dicía, que hoxe non usan o noso idioma galego para leis nin escrituras; nin poñen declaración nin estenden testamentos. Unha descrición exacta do que veu acontecendo nos séculos precedentes desde que se prohibirá no século XVI o seu uso nas oficinas xudiciais. Para máis concreción: o derradeiro instrumento xurídico redatado en galego foi en 1532 referido a un foro do mosteiro de San Clodio.

Mais como non hai mal que cen anos dure, todo aquilo que é inxusto, o tempo corrixeu a proscrición do noso idioma nas instancias xudiciais. Pintos xa preconizaba entón que : “Poida que non tarde muito/En andar o idioma impreso/E que se lle suba ás barbas/ A outros que andan moi tesos”.

A Irmandade Xurídica Galega puxo en pé, con moito esforzo e toda a intelixencia que o proxecto precisa, unha estratexia eficaz para incorporar a lingua galega nos usos xurídicos. A “Declaración de Rois”, asinada por unha vintena de cualificados xuristas en 1987. Dous precedentes significativo e determinantes animaron o comezo do proceso: a publicación en galego do Diario Oficial de Galicia en 1984, iniciativa proposta á Xunta de Galicia pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a primeira sentenza ditada en lingua pola Audiencia Territorial de A Coruña a instancias do servizo de normalización do Concello de Redondela en 1985.

A publicación das edicións en galego dos códigos penal e civil e doutras leis puxeron enriba das mesas de traballo do funcionariado medios para sortearen as dificultades do uso correcto da nosa lingua nos procedementos procesuais. A maiores, a publicación no noso idioma do Formulario Notarial da autoría do notario Victorino Gutiérrez Aller e o diccionario xurídico galego tamén foron decisivos no proceso regaleguizador.

En nada colaboraron as catro facultades de dereitos das universidade galegas para formaren aos futuros profesionais do dereito na galeguidade xurídica. É certo que cada vez hai máis profesores que imparten docencia no noso idioma; pero non os suficientes.

Malia esa circunstancia o proceso regaleguizador está en marcha incorporándose a el novos xuíces e fiscais e moitos operadores xurídicos que realizan as súas actividades profesionais con total naturalidade, sen conflitos por mor diso. Máis de trescentos membros da Irmandade Xurídica Galega –xuíces, fiscais, avogados, procuradores.- dinamizan a normalización da lingua galega nun ámbito no que aínda hai moitas reticencias ao seu uso.

Nas próximas semanas a Irmandade Xurídica Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Xustiza, ten convocados actos en Ribeira (día 29 de xuño) , A Estrada (5 de xullo) e Carballo (12 de xullo) para homenaxear ás maxistradas Ana López-Suevos, María Isabel Suárez García, Carme Pose Amado e o maxistrado Fernando Fernández Leiceaga, autores das primeiras sentenzas en lingua galega en cadanseu xulgado.

É de xustiza lembralos. Porque como dixera Xoán Manuel Pintos:”Quen nunca pan colleu nin colleu viño/Se alguén llo dá sen dor todo sachado/Parez que xa é del todo o camiño”.

A estes actos están convidados os alcaldes dos concellos dos partidos xudiciais respectivos para asinaren unha declaración de compromiso coa lingua galega nas actividades xurídicas das súas administracions.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.