Zona Franca volve a premiar á excelencia empresarial galega

Coa V edición dos Premios Ardán recoñecendo o labor de 14 empresas

Vigo | A 5ª edición dos Premios ARDÁN da Zona Franca recoñece a Excelencia de catorce empresas galegas Celebrouse a quinta edición dos Premios á Excelencia Empresarial que concede anualmente o Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Máis de 400 representantes do mundo empresarial, económico, social e político, completaron o aforo do Auditorio Mar de Vigo. Os Premios foron outorgados a 13 empresas galegas que obtiveron 4 e 5 indicadores ARDÁN.

Este ano ademais entregouse un premio especial ao grupo Zendal en recoñecemento á súa traxectoria empresarial, relevante tanto en aspectos económicos, como noutros relacionados coa aposta pola innovación ou a notable contribución da compañía ao benestar social no ámbito da saúde.

Na súa intervención de benvida, David Regades, mostrouse satisfeito de facer visible, a través deste evento, as traxectorias únicas e de éxito dos premiados. Tamén quixo facer extensivas as súas felicitacións a todo o tecido empresarial galego: “Estes premios son unha homenaxe sincera a cada empresaria e empresario que día a día, co voso tesón e esforzo, facedes de Galicia unha terra de oportunidades”.

O Delegado do Consorcio quixo, ademais, destacar a importancia das empresas galardoadas pola súa contribución á creación de riqueza e emprego. Sobresaen, apuntou, pola súa capacidade para xerar vantaxes competitivas, cun impacto significativo na creación de valor económico e postos de traballo. Son capaces de manterse na vangarda da innovación de produtos, servizos e modelos de negocio, buscando ofrecer ao cliente unha calidade excepcional mediante a mellora continua nos seus procesos. Empresas que desenvolven un liderado sólido, unha cultura positiva que motiva e compromete, que atrae e desenvolve o talento, que se adapta aos cambios e que ten presente sempre o seu compromiso coa comunidade e o medio ambiente.

A conferencia central estivo a cargo de Alicia Asín, cofundadora e Conselleira Delegada de Libelium, recoñecida conferenciante en eventos internacionais do sector tecnolóxico, galardoada en múltiples ocasións polos seus méritos empresariais e innovación tecnolóxica. Baixo o título: “Innovación tecnolóxica e excelencia empresarial” avanzou a repercusión que terá a tecnoloxía en todos os sectores.

O premio especial ao grupo Zendal foi recollido polo seu CEO, Andrés Fernández, no marco dunha entrevista na que falou de excelencia e liderado. Ambos os conceptos presentes nesta empresa familiar que se converteu nun modelo biotecnolóxico situando a Galicia como un referente farmacéutico a nivel mundial, na investigación e produción de vacinas. Abel Caballero foi o encargado de clausurar o evento destacando a importancia de Vigo como a cidade do coñecemento e emprendemento de Galicia. Comprometida co seu presente e creadora de futuro e motor económico non só da súa área de influencia senón de Galicia.

O Servizo de Estudos Económicos ARDÁN, de recoñecido prestixio, ten unha traxectoria de máis de 30 anos. A súa folla de roteiro pasa por crear coñecemento a través do estudo do desempeño empresarial co obxectivo de favorecer a toma de decisións e o deseño de programas e actuacións en aras da competitividade.

O seu Informe Económico-financeiro e de Competitividade de Galicia, así como a Clasificación de Empresas Intelixentes, o Programa Conselleiras, Informes de impacto económico ou os Indicadores ARDÁN, son fitos esperados e altamente valorados polos diferentes axentes do noso ecosistema.

Premios á Excelencia Empresarial ARDÁN (5ª Edición)
COMPAÑÍA ESPAÑOLA DE ALGAS MARIÑAS, S.A (CEAMSA), O Porriño (Pontevedra) – 5 Indicadores ARDÁN: Fortaleza Financeira, Empresa Global, Empresa Igual en Xénero, Empresa Circular e Xestión de Talento.

HERMASA CANNING TECHNOLOGY, S.A., Vigo (Pontevedra) – 5 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Igual en Xénero, Empresa Circular e Xestión de Talento.

CORPORACIÓN HIJOS DE RIVERA, S.L., A Coruña – 4 Indicadores ARDÁN: Gacela, Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade.

CUVIDA, S.A., San Cibrao das Viñas (Ourense) – 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento.

IGALIA, S.L. A Coruña – 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Empresa Global, Empresa Innovadora e Empresa Igual en Xénero.

JIM SPORTS TECHNOLOGY, S.L. Palas de Rei (Lugo) – 4 Indicadores ARDÁN: Xeradora de Riqueza, Fortaleza Financeira, Empresa Global e Empresa Igual en Xénero.

NOVA GALIMPLANT, S.L. Sarria, Lugo. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade e Fortaleza Financeira.

OPTAR SOLUTIONS, S.L. Vigo, Pontevedra. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Igual en Xénero e Xestión de Talento.

REGANOSA SERVIZOS. S.L. Mugardos, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Fortaleza Financeira, Empresa Innovadora e Empresa Circular.

RODICUT INDUSTRY, S.A. Mos, Pontevedra. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Fortaleza Financeira e Empresa Global.

SERVIZOS GRÁFICOS ARTEIXO, S.L. Arteixo, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade e Empresa Innovadora.

TEIMAS GLOBAL, S.L. Santiago, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento.

TORUS SOFTWARE SOLUTIONS, S.L. A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Gacela, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento.

Premio especial á traxectoria empresarial: ZENDAL HEALTH, S.A.