Zona Franca ‘quenta motores’ para celebrar o seu 75º aniversario a partir de xullo

Destacando a realización dun gran Congreso Económico
.

Vigo | O Delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, David Regades, realizou este 27 de xuño un almorzo informativo no que fixo balance da xestión da Zona Franca nos últimos meses, toda vez anunciou as actividades de celebración do 75º aniversario desta institución, que se levará a cabo o vindeiro mes de xullo, cando se conmemore o vindeiro 2 de xullo o seu primeiro pleno, realizado en 1947.

Neste sentido, explicou que a Zona Franca está traballando neste evento conmemorativo, que se realizará “de xullo de 2022 a xullo de 2023” cun concerto dun “gran artista internacional”, actividades lúdicas e, principalmente, da realización da primeira edición dun “gran Congreso Económico” que reúna a destacadas persoas e institucións a nivel mundial para abordar temas como o emprendimento e a xeración de emprego.

Regades aproveitou para anunciar o comezo da Semana da Administración Aberta, co que a Zona Franca pretende abrir as súas instalacións á cidadanía a través de diversas visitas institucionais de asociacións, sindicatos, institutos, etc. Neste sentido, inauguraron estas visitas os membros da Asociación Down Vigo.

De seguido, Regades pasou ás cifras e os feitos. Indicou que a Zona Franca emprega actualmente a 20.000 persoas, unha boa parte (25%) vigueses. Así, e a pesar da pandemia e da crise económica, a entidade logrou atraer nos últimos anos a 45 empresas, con 519 millóns de euros en activo, creando 1.100 novos postos de traballo e ampliando a superficie de chan industrial a 8.110 m2.

Neste sentido, Regades explicou os proxectos de ampliación de chan industrial de cara a Balaídos (contando co apoio do Concello de Vigo) e outros polígonos en Tui, Gondomar, A Cañiza e Cuntis. Tamén avaliou o proxecto de ARDÁN como referente empresarial e ferramenta chave para definir o mapa económico e empresarial galego.

Sobre a PLISAN, considerou que xa está practicamente comprometido o 100% do seu chan industrial grazas á activación dun millón de m2 indicando que Portugal é un “aliado” económico para a Zona Franca, a pesares das informacións sobre o eventual éxodo de empresas galegas ao Norte de Portugal. Explicou neste sentido que “unha empresa da PLISAN avaliou a posibilidade de irse a Portugal”, sendo posteriormente reorientada cara a área de Vigo.

No relativo aos proxectos de centros tecnolóxicos da Zona Franca, informou dos avances nas licitacións dos centros de Redondela e Vigo (rúa López Mora), así como o proxecto Hidrogenera en Bouzas de utilización de enerxía limpa. Destacou tamén do “valor engadido e sostible” que supoñen os proxectos da Zona Franca en materia de benestar social para os seus traballadores.

Ollando cara o horizonte, Regades definiu como prioridades para a Zona Franca a ampliación para 2023 de 30 naves no Porto do Molle (Nigrán); o Centro de Transportes do Porriño, que dará emprego a 500 persoas; o novo formato de ocio para as familias no Centro Comercial A Laxe; e unha aceleradora de Moda co apoio do deseñador ourensá Roberto Verino; os Parques Tecnolóxicos en Valladares e Nigrán; o laboratorio Fotónico coa Universidade de Vigo; o World Car Center e a fábrica de semiconductores de microchips, que está avanzando para atraer a “relevantes actores públicos e privados” tanto nacionais como internacionais. Un aspecto relevante tomando en conta a recente decisión da empresa Stellantis Vigo de parar momentaneamente a súa produción por falta de compoñentes.

Explicou tamén da activación antes de agosto do Plan da Empresa 2022-2025 que implique a captación de talento e, para finais de ano, dunha Xornada de Reflexión sobre procedementos administrativos en España, que defina unha maior axilización e flexibilización dos mesmos.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.