Zona Franca ensinou a empresarios de Ourense o seu modelo de parques empresariais

Visitaron o PTL de Vigo e o Porto do Molle en Nigrán

Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo como axencia de desenvolvemento económico e o seu sistema de parques empresariais espertou o interese dos empresarios de Ourense. O delegado do Estado, David Regades, recibiu á directiva da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, presidida por José Antonio Rodríguez Araujo, que realizou tamén unha visita a algúns dos parques xestionados polo Consorcio para coñecer sobre o terreo o chan que xestiona o Consorcio.

“A asociación de empresarios mostrouse interesada por levar ao polígono ourensán de San Cibrao o modelo de parques que xestiona Zona Franca”

A asociación de empresarios mostrouse interesada por levar ao polígono ourensán de San Cibrao o modelo de parques que xestiona Zona Franca, alcanzar algún acordo co Consorcio para replicar o exitoso sistema e mesmo levar a Ourense a figura da Zona Franca. David Regades recibiu aos empresarios na sede do Consorcio en Bouzas, onde mantiveron un encontro no que debullou toda a actividade do Consorcio.

A continuación, os empresarios visitaron o PTL en Vigo e Porto do Molle en Nigrán. O delegado do Estado sinalou que “a visita dos empresarios ourensáns supón tamén un recoñecemento ao traballo que realizamos desde o Consorcio, onde o apoio á economía, ás empresas e á creación de emprego é o noso principal obxectivo”, ademais de mostrarse aberto “a estudar fórmulas de colaboración para estender o modelo de Zona Franca”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez Araujo, insistiu en que establecer relacións de colaboración entre a entidade ourensá e Zona Franca será beneficioso para ambas as partes, facendo ademais alusión aos vínculos históricos, naturais e cotiáns entre ambas as cidades.

Rodríguez Araujo destacou o compromiso do colectivo empresarial ao que representa para “establecer sinerxias, cooperación e entendemento con Zona Franca de Vigo, unindo forzas para lograr metas que redundarán en beneficio dos tecidos empresariais de ambas as localidades”.

Ademais, a proposta de Antonio Rodríguez Araujo, acordouse estudar, entre ambas as partes, a posible creación dun espazo aduaneiro dentro do Polígono de San Cibrao, de tal maneira que as empresas poidan beneficiarse das vantaxes fiscais que reporta: non se pagan aranceis nin impostos interiores, ata o seu despacho aduaneiro, e isto ademais pódese facer á medida do seu uso ou consumo.

O sistema de parques empresariais de Zona Franca foi considerado modélico pola Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), que inspirou unha proposta de Lei que acaba de presentar á Xunta para regular o funcionamento e conservación das áreas industriais de Galicia e unificalo. A base é a Entidade Urbanística de Conservación, onde os propietarios das parcelas, xunto co Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello son os piares dun eficaz financiamento da súa conservación e mantemento.

“O sistema de parques empresariais de Zona Franca foi considerado modélico pola Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), que inspirou unha proposta de Lei que acaba de presentar á Xunta para regular o funcionamento e conservación das áreas industriais de Galicia e unificalo”

O Consorcio da Zona Franca de Vigo desenvolveu cinco parques empresariais (Balaídos, Bouzas e PTL en Vigo; A Granxa en Porriño; e Porto do Molle en Nigrán), onde están instaladas 665 empresas que xeran 23.000 empregos. Participa na actualidade no desenvolvemento da Plisan en Salvaterra, onde xa se están instalando dúas empresas. En total xestiona 6 millóns de metros cadrados.

Outros artigos