Zona Franca e Salceda asinan plan estratéxico empresarial

Para impulsar o emprego e a competitividade económica
A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, co Delegado do Estado para a Zona Franca, David Regades, no momento de asinar o plan estratéxico.

Vigo | O Consorcio da Zona Franca porá en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico para Salceda de Caselas e a súa comarca, que analizará o tecido empresarial coa proposta de medidas que impulsen o emprego e a súa economía, ademáis de contribuir a unha mellora da competitividade da comarca.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, o acordo que realizará a análise e permitirá unha mellora de decisións á hora de impulsar o crecemento económico e a competitividade municipal a longo prazo.

O delegado da Zona Franca manifestou que “o Consorcio desexa contar cunha folla de ruta para impulsar o desenvolvemento económico de Salceda e a súa contorna e este plan terá, ademáis, a estrutura que esixen os fondos europeos”, explicou. Para David Regades, “fomentar o emprendemento e revitalizar o tecido económico desta comarca é unha prioridade para o futuro empresarial da provincia de Pontevedra”.

Pola súa banda, a rexedora de Salceda, Verónica Tourón, destacou que a firma deste convenio supón a apertura de novas oportunidades para o tecido empresarial do municipio. “Deste plan estratéxico tiraranse datos reais sobre o tecido empresarial da zona. Manexar esta información permitirá tomar decisións para mellorar a competitividade do tecido empresarial e a creación de emprego. Contar coa implicación do Consorcio da Zona Franca axudará, sen dúbida, a alcanzar o obxectivo final que é o crecemento económico do noso municipio”, indicou a alcaldesa.

Dentro deste acordo inclúese un exhaustivo diagnóstico territorial, os obxectivos estratéxicos e unha guía con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida de toda a contorna.

O plan terá tres grandes momentos, un de estudo, que xa se inicia agora mesmo, para analizar as fortalezas e debilidades da economía de Salceda e de toda la provincia de Pontevedra; o segundo, de traballo cos axentes socioeconómicos, concellos e grupos de desenvolvemento local, con mesas de traballo por toda a provincia; e o terceiro de conclusións sobre os retos e liñas de actuación.

Un dos puntos clave do acordo será aproveitar a transformación que se está a crear para ver novas oportunidades para as actividades e formas de negocio do tecido empresarial.

Para chegar a ese obxectivo o plan estruturouse en sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudio de casos de éxito, liñas estratéxicas, plan operativo, propostas de colaboración e monitorización para o seu cumprimento. Para a consecución dos obxectivos previstos, as partes acordaron constituír un grupo de traballo que facilite a avaliación e o progreso do proxecto ao longo do tempo.