Zona Franca e Concello de Gondomar impulsan a ampliación do polígono da Pasaxe

Para o desenvolvemento da Fase 2 dese parque empresarial

Vigo | Zona Franca e Concello de Gondomar acaban de dar un novo impulso á ampliación do Polígono da Pasaxe, ao marcar un cronograma que levará ata a firma do convenio de colaboración entre ambas as partes, para o desenvolvemento da Fase 2 dese parque empresarial.

Así, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, reuniuse co alcalde, Francisco Ferreira, nun encontro ao que asistiron técnicos municipais e do Consorcio e o presidente da asociación de empresarios. David Regades explicou que “o desenvolvemento do polígono da Pasaxe é clave e sentámonos para establecer unha folla de roteiro e actuacións que nos permita perfilar a inmediata firma do convenio de colaboración entre ambas as partes e poñer en marcha a Fase 2”.

Francisco Ferreira sinalou que “este é un momento histórico para Gondomar. Despois de anos de moito traballo por parte do goberno municipal, e agora da man de Zona Franca, damos luz verde definitiva á urbanización do Polígono da Pasaxe, que estamos seguros que será un motor económico e de xeración de emprego para Gondomar e para todo o sur da provincia de Pontevedra. Quero agradecer a cooperación e o traballo de Zona Franca e en especial do seu delegado, David Regades”.

Tras o visto e prace da Xunta, o Concello de Gondomar aprobou en pleno o pasado 22 de marzo a urbanización da Fase 1 e a execución dos traballos, que realizará a construtora Copasa por 2,8 millóns de euros. Son uns 205.000 metros cadrados de terreos xa ocupados por naves e actividades industriais nas que traballan ao redor de 3.500 persoas. Os traballos teñen un importe de 2,8 millóns e un prazo de 15 meses. Esta nova situación permitirá avanzar na segunda fase da urbanización, a que afecta aos 400.000 metros cadrados de terreos aínda libres de edificacións.