Vigo | A Zona Franca e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía rubricaron o novo convenio para a realización de accións de promoción comercial exterior, enmarcado na colaboración que ambas as entidades veñen desenvolvendo nos últimos anos.
O acordo, que asinaron o delegado do Estado, David Regades, e o presidente da Cámara, José García Costas, facilitará o desenvolvemento dun programa de apoio á internacionalización, cofinanciado con Fondos FEDER, para realizar misións inversas en dúas dos principais sectores da economía galega: o dos produtos do mar e o da subcontratación industrial. A misión inversa de importadores do sector de Subcontratación Industrial desenvolverase do 16 ao 20 de xuño coa presenza dunha decena de compradores europeos.
Xa en outubro, e en relación directa coa celebración de Conxemar, realizarase un encontro con empresas de diferentes países con interese importador en compañías do sector da pesca, a conserva e a transformación de produtos do mar. Desenvolverase un amplo programa de reunións con pemes galegas, que levará a efecto nas instalacións da Feira.
Novas edicións de Vía Exterior
Por outra banda, o Comité Executivo da Zona Franca de Vigo deu o visto e prace á adxudicación do servizo para a posta en marcha da VIII e IX edición de Vía Exterior, a aceleradora para a internacionalización do tecido empresarial galego, que leva sete anos asesorando e acompañando ás empresas que queren dar o salto ao comercio internacional.
Tras estas sete edicións, ata 190 empresas recibiron apoio do Consorcio para posicionar os seus produtos en mercados internacionais, cunha porcentaxe de éxito do 90%.
Algunhas tiveron a súa primeira venda internacional, outras que xa tiñan presenza conseguiron acceder a novos mercados e outras creceron nos que xa vendían. Os principais destinos que escollen as empresas son os europeos: Portugal, Francia, Alemaña e Italia, pero tamén conseguiron acceder a mercados como Estados Unidos, México, Marrocos, ou China.