Zona Franca: “a pandemia impactou menos en Galicia que en España”

Presentado o primeiro informe económico sobre a pandemia COVID-19

Vigo | O Consorcio da Zona Franca de Vigo presentou o primeiro informe sobre os efectos da pandemia do Covid-19 na economía galega. O Informe Económico e de Competitividade de Ardán 2021 dedica un monográfico á excepcional situación que provocou o virus e pon de relevancia que Galicia sufriu un impacto menor que o conxunto de España en perda de riqueza.

O delegado do Estado, David Regades, explicou na presentación que “o informe conclúe que foi determinante o comportamento das exportacións e do sector da automoción”. O delegado estivo acompañado polo catedrático da Universidade de Vigo Santiago Lago e o profesor Xavier Martínez Cobas.

Partindo da base de que a pandemia provocou en España en 2020 un impacto económico sen precedentes e sen equivalentes na OCDE, o informe destaca que Galicia está entre as catro CC AA menos afectadas e a medio camiño entre España e a media da UE27. Santiago Lago precisou que “a esa dinámica contribuíu unha menor incidencia do virus e unha desescalada máis rápida tras o confinamento”.

“Galicia está entre as catro CC AA menos afectadas e a medio camiño entre España e a media da UE27”

Subliña o informe que os ERTE foron “un mecanismo exitoso para afrontar a pandemia”, aínda que a brecha de xénero no mercado de traballo amplíase e as mulleres levan a peor parte. Tamén precisa que “a automoción tivo un comportamento extraordinariamente positivo en Galicia xa desde xuño de 2020”.

Os resultados da enquisa de Ardán entre as empresas presentan datos interesantes, como que o 37% optou por aplicar un ERE; o 55% recorreu ás liñas de liquidez do ICO ou Igape e o 58% ao teletraballo. O 28% das compañías enquisadas declara un efecto severo provocado pola pandemia e o 60% un impacto moderado. Tan só o 12% declaran unha incidencia despreciable.

“Os resultados da enquisa de Ardán entre as empresas presentan datos interesantes, como que o 37% optou por aplicar un ERE; o 55% recorreu ás liñas de liquidez do ICO ou Igape e o 58% ao teletraballo”

En Hostalería e Actividades artísticas, recreativas e de entretemento as porcentaxes superan o 90%. No extremo contrario, aparecen as empresas do sector primario (10%), Información e comunicacións (17%) e Actividades profesionais, científicas e técnicas (26%). O crecemento das vendas en liña en 2020 é moi notable (+9%), especialmente nas máis grandes (+29%).

En canto aos posibles escenarios para 2021, o informe apunta que, no escenario optimista, o crecemento anual esperado é 8,8% e no escenario pesimista, a taxa de crecemento simulada é 4,8%. Finalmente anota sete oportunidades e retos: dixitalización, demografía, medio rural, automoción, sistema de I+D+i, transición enerxética, redución de burocracia e impulso de colaboración público-privada.

Óptima situación empresarial en 2019
Ademais do capítulo sobre o impacto da pandemia, o informe Ardán 2021 analiza unha mostra de 35.529 empresas (que supoñen o 51% do PIB de Galicia) , que depositaron as súas contas anuais do exercicio 2019 nos Rexistros Mercantís das provincias galegas.

O conxunto de empresas rexistrou uns ingresos de explotación de 108.058 millóns de euros e achegaron ao PIB, a través do valor engadido bruto, 32.878 millóns de euros. Esta cifra recolle un récord histórico para os datos de Galicia.

No conxunto das empresas, a capacidade para crear valor engadido bruto creceu no ano analizado a un ritmo do 4,8%.m Un dato significativo que recolle o informe é que as empresas de Galicia, segundo as últimas contas depositadas, teñen unha capacidade de creación de riqueza un 130% maior sobre a que se produciu no ano 2009, o peor ano da crise.

O número de postos de traballo directos asignados a estas empresas é de 406.274 persoas, un 3,4% máis que o ano anterior. Se se analiza o tecido empresarial de Galicia por sistemas produtivos sectoriais, o Téxtil, confección e moda representa o 38,29% do valor engadido bruto. Séguelle Servizos profesionais que volve ser o número 2 cun 14,44%,

Construción xera o 8,66% sobre o conxunto de Galicia
En cuarta posición Loxística e transporte cun 5,53% e Automoción e equipo cun 5%. Estes 5 sistemas produtivos xunto con Agroalimentario e Pesca son os responsables do 80% do valor engadido bruto creado polo tecido empresarial de Galicia no ano analizado. No período analizado rexistrouse unha creación neta de postos de traballo do 2,9%.

“Entre as novidades de Ardán está que nesta edición deseñouse unha nova metodoloxía para medir a capacidade das empresas para xestionar o talento”

Entre as novidades de Ardán está que nesta edición deseñouse unha nova metodoloxía para medir a capacidade das empresas para xestionar o talento, que presentou o profesor Xavier Martínez Cobas. Un total de 1.621 empresas alcanzan un ou máis indicadores Ardán: Alto rendemento, Alta produtividade, Gacela, Ben Xestionada, Xeradora de Riqueza, Empresa Global, Empresa Circular, Empresa Igual en Xénero, Empresa

Innovadora e Xestión do Talento
O total de firmas con indicadores son só un 5% da mostra. No que respecta ao Índice de Igualdade, o ano 2021 achega un lixeiro retroceso. No informe calcúlase o Custo de non Igualdade para as mulleres, resultado de comparar a situación real cunha hipotética situación de igualdade, e o cálculo teórico da perda neta para as mulleres no ano 2020 foi do 4,8%, é dicir, as mulleres deixan de percibir, de media, 17.315 € brutos anuais por non atoparse nunha situación de equilibrio. O informe pódese descargar en www.zfv.es/ardan/informe- economico.html