Zelensky, Milei e as eleccións europeas.

Cancelada a mediados de maio polo recrudecemento da ofensiva militar rusa en torno á cidade de Járkov, a recente visita do presidente ucraíno Volodymir Zelensky a Madrid, que precede ao recoñecemento anunciado polo goberno de Pedro Sánchez ao Estado de Palestina previsto para este 28 de maio, indica as expectativas que manexa o xefe de goberno español de cara ás eleccións parlamentarias europeas do vindeiro 9 de xuño.

O contexto da visita de Zelensky vén igualmente precedido pola surrealista crise diplomática con Arxentina ante a recente visita a España do mandatario arxentino Javier Milei, convidado para un acto de VOX. A guerra dialéctica, con fortes acusacións persoais, instalada entre ambos gobernos antes e despois desta visita determina a peor crise diplomática entre Madrid e Bos Aires, cando menos en décadas. Non debemos esquecer que Sánchez tamén vive actualmente unha crise diplomática de alto calibre con Israel ante o seu anuncio, a semana pasada, de recoñecer ao Estado palestino.  Confrontado con Milei e Netanyahu (por certo eles mesmos dous aliados irrestritos), Sánchez equilibra as tensións diplomáticas amosando ante Zelensky o seu compromiso coa defensa de Ucraína ante a agresión rusa.

Con todo, en Madrid, Milei tamén fixo gala das súas expectativas igualmente co foco nas eleccións europeas. Estes intereses traducen a configuración dunha plataforma transatlántica “anti-socialista” de partidos de dereitas e da extrema dereita populistas que cobran forza de cara a estes comicios europeos. Imponse aquí o nome da xefe de goberno italiana Giorgia Meloni, a quen moitos observan como a principal abandeirada política desta nova vaga dereitista e “ultra” en Europa. Precisamente, en febreiro pasado, Italia foi o primeiro destino europeo que visitou Milei tras ser investido como presidente, amosando unha total sintonía política coa súa anfitrioa Meloni.

Volvendo a Zelensky, Sánchez acordou contratos para subministros de armas por valor de 1.100 millóns de euros, unha axuda militar considerada sen precedentes para España que agarda serva tamén para relanzar a industria militar española. Zelensky pediu a Sánchez maiores sistemas de defensa antiaérea, aspecto que revela unha das máis acuciantes debilidades estruturais militares ucraínas co respecto a Rusia. Todo isto nun momento en que Europa, co presidente francés Emmanuel Macron e a presidenta da Comisión Europea Úrsula von der Leyen á cabeza, plantean seriamente a autonomía estratéxica en Defensa a tráves da potenciación dun complexo militar industrial autónomo da OTAN.

Non obstante, Zelensky ten problemas en casa. Rusia volve a tomar a iniciativa bélica amparado na súa superioridade de efectivos e de armamentos. Kiev ten serios problemas de recrutamento de efectivos para a fronte militar: precisa de máis de 500.000 soldados. España, e tamén Portugal, acollen unha importante diáspora ucraína. De acordo a fontes oficiais da Moncloa, para finais de marzo pasado habitaban en España 293.131 inmigrantes ucraínos con documentación de residencia en vigor. En Portugal son aproximadamente 60.000, moitos deles con nacionalidade portuguesa.

Desde o comezo da guerra uns 14 millóns de persoas deberon abandonar Ucraína. Isto provocou algúns casos de críticas en Kiev ante a masiva marcha de homes entre 18 e 60 anos, necesarios para o esfuerzo bélico.

Para Sánchez, coñecedor de que existen certos síntomas de polarización en Europa (Hungría, Eslovaquia) sobre a axuda militar e financeira a Ucraína, esta visita de Zelensky implica retomar protagonismo internacional facendo gala de europeísmo e ‘atlantismo’ apoiando sen fisuras ao aliado ucraíno. Por outra banda, recoñecer ao Estado de Palestina nun momento en que as protestas propalestinas en universidades estadounidenses e europeas son igualmente visibles lle permiten a Sánchez alcanzar outros apoios políticos, cando menos simbólicos, toda vez unha parte da ultradereita europea (como Milei na Arxentina) amosa maiores simpatías cun Israel cuxa imaxe internacional está en horas baixas. Mentres Zelensky chegaba a Madrid, Israel lanzou unha cruenta ofensiva en Rafah que provocou 50 mortos, a maioría mulleres e nenos.

“Para Sánchez (…) esta visita de Zelensky implica retomar certo protagonismo internacional facendo gala de europeísmo e ‘atlantismo”

Pero a visita de Zelensky debe ser igualmente medida en torno á situación da coalición gobernante na Moncloa. Toda vez amosaron o seu irretrito apoio a Sánchez na crise con Milei así como no recoñecemento do Estado palestino, socios como Unidas PODEMOS (UP) e Sumar fixeron ver as súas reticencias e contrariedades sobre o aumento da axuda militar a Ucraína prometida polo presidente español. Tanto como o PSOE, ámbolos dous partidos, Sumar e UP, xóganse moito a súa situación política nestes comicios europeos, tomando en cuenta os seus magros resultados nas tres recentes convocatorias electorais en Galicia, Euskadi e Catalunya.

Por outra banda, o ex presidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero, hoxe moito máis cercano a Sánchez, discrepa tamén da estratexia militarista a ultranza a favor de Ucraína considerando que, visto o terreo bélico, non hai solución militar á vista e debería darse paso á negociación con Rusia con expectativas de armisticio.

Zelensky e Milei, dous contextos antagónicos nos que Sánchez prima tamén os seus intereses á hora de fortalecer tanto a súa imaxe política e o seu liderado na Moncloa como á hora de impulsar unha plataforma continental de freo á axenda “ultra”. Nun momento de desconcerto preelectoral en Europa e de arriscada volatilidade internacional, Sánchez mide minuciosamente as súas opcións políticas tanto internas como externas.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.